Condenado o Sergas pola morte dunha paciente á que se lle retirou un tratamento receitado en Cataluña

A falecida mudouse a Galicia e foille denegado a poliquimioterapia coa que combatía o seu cancro

O Xulgado do Contencioso Administrativo Número 2 de Santiago condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar á familia dunha paciente de 56 anos de idade que faleceu após cambiárselle o tratamento oncolóxico cando se mudou de Cataluña a Vigo.

Así o recolle unha sentenza con data do 11 de xuño, remitida polo Defensor do Paciente e recollida por Europa Press, que indica que a muller, que recibía tratamento con poliquimioterapia en Cataluña, se tivo que trasladar de forma definitiva á cidade olívica. 
Unha vez en Vigo, o Hospital Meixoeiro retiroulle ese mesmo medicamento porque "o seu criterio era distinto ao de Cataluña". "Entón, a familia realizou unha segunda opinión nunha clínica oncolóxica en Madrid, que recomendou seguir co citado tratamento denegado polo Sergas. Ante esa situación, a progresión sistémica da enfermidade foi notoria até falecer", segundo asegurou o Defensor do Paciente.

Deste xeito, a sentenza estima que, aínda que "non resulta acreditada a existencia de mala praxe" e "descoñécese que sucedese de continuar aplicando o tratamento", hai que valorar a "posibilidade de que, de seguir o mesmo, se tería producido outro resultado".

Polos feitos, o tribunal non estimou a "reparación íntegra" do dano, pero xustificou a indemnización nos "danos morais" e unha "falta de oportunidade" polo grao de probabilidade de obter un resultado beneficioso coa poliquimioterapia —do 30 ou 40 por cento, segundo o perito--.

En definitiva, a presidenta do Defensor do Paciente, Carmen Flores, pediu "pór fin á disparidade de criterios" na pauta de medicamentos oncolóxicos: "Se a esta paciente lle funcionaba en Cataluña, é incomprensible que en Galicia llo retiren, non sabemos se porque era caro ou por unha errónea decisión, o que si está claro é que perdeu a súa vida ao pouco tempo de suprimirllo".

Comentarios