O Concello de Teo homenaxea a Tanxugueiras dándolle o seu nome a un parque de Luou

"Trasladan coa súa música unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas"

Tanxugueiras. PLAYPLAN
photo_camera Tanxugueiras. PLAYPLAN

O pleno do Concello de Teo, celebrado este mércores, acordou homenaxear ao grupo Tanxugueiras dándolle o seu nome á área recreativa de Luou. 

A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos municipais do BNG, PSdG-PSOE, SondeTeo e PP. 

Deste xeito, a área recreativa situada na carballeira de Luou, parroquia natal das irmás Olaia e Sabela Maneiro, pasará a chamarse Parque das Tanxugueiras.

Actualmente a área está en fase de construción, pero ao rematar as obras organizarase un acto de inauguración que contará coa presenza das tres pandeireteiras.

"As Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas. Son, ademais, mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade", defende o Concello de Teo nun comunicado.

Comentarios