O Concello de Muxía pide evitar beber auga da traída tras 40 posibles casos de gastroenterite

Aínda que os primeiros parámetros analizados son "normais" esperan a resultados concluíntes para determinar se están relacionados coa auga ou un virus 
Un grifo agua de la traída. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Unha billa aberta. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Concello de Muxía pediu que "se evite" consumir auga da traída após ser detectados máis de 40 casos entre veciños con síntomas de gastroenterite á espera de resultados concluíntes das análises en marcha co fin de determinar se están relacionados con esta ou pode ser un virus "con alta carga".

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o alcalde de Muxía, o socialista Iago Toba, quen relatou que sobre as 7.00 horas deste xoves comezou a recibir moitas chamadas de veciños "que se atopaban mal", polo que sospeitaron que "podía ser do abastecemento de auga".

Esta foi a primeira hipótese ao haber "unha cantidade bastante grande de casos en nenos e adultos" de varias zonas dos municipios. Con todo, como as primeiras análises da auga foron "normais", ao haber "tal cantidade de afectados", o alcalde encargou a unha empresa especializada unha análise máis completa, cuxos resultados concluíntes se esperan "para a mañá" deste venres.

Polo momento, o alcalde de Muxía insistiu en que non se pode "confirmar nin desmentir" que estes casos con síntomas de gastroenterites estean relacionados co consumo de auga da traída, xa que "non todos" os afectados a inxeriron.

Até o momento, os resultados das primeiras análises "non mostraron ningunha anomalía", informou o Concello deste municipio, "e foron normais dentro dos parámetros de potabilidade" despois de analizar os diferentes depósitos de abastecemento do municipio.

ORIXE. Por iso, traballan para determinar a "orixe" destes casos. Ademais, o rexedor explicou que se puxo en contacto coa dirección do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, ao que se derivan os pacientes da zona; así como coa Consellería de Sanidade, que enviou persoal de Epidemioloxía para realizar un estudo paralelo da auga.

"Pode ser un virus cunha carga moi alta", apuntou o alcalde desta localidade en relación á posible orixe dos casos de gastroenterite, porque "hai familias enteiras" afectadas. Con todo, insistiu en esperar aos resultados das análises. 

Comentarios