A comunidade galega pásase ao marrón

Sogama aproveita a Semana Europea da Prevención de Residuos para darlle protagonismo ao novo contedor que se está implantando en Galicia e destinado aos refugallos orgánicos. Os actos centrais da campaña celébranse na Mariña.
Aspecto interior de la planta de biorresiduos que está construyendo Sogama en el polígono cervense de Cuíña y que costará 6,3 millones de euros. EP
photo_camera Aspecto interior de la planta de biorresiduos que está construyendo Sogama en el polígono cervense de Cuíña y que costará 6,3 millones de euros. EP

O contedor marrón, coñecido xa popularmente como o quinto contedor, é o protagonista induscutible da Semana Europea da Prevención de Residuos 2022, que arrincou este sábado e que se prolongará ata o vindeiro domingo 27. No caso de Galicia, da man da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, este novo elemento introducido na recollida selectiva e destinado á materia orgánica centrará o groso da programación ambiental desta semana, que aínda que se celebra en clave autonómica focalizarase na Mariña.

Baixo o lema O Marrón, o contedor que devolve vida, as accións contempladas na campaña promovida por Sogama e a consellería orientaranse específicamente aos quince concellos que, sobre o papel, utilizarán os servizos da planta de biorresiduos que se está a levantar en Cervo. Trátase de Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, ademais do municipio coruñés de Mañón e do propio Cervo. No entanto, a intención de Sogama e estender algunhas das accións da campaña a outros dez concellos próximos para que coñezan con detalle os pormenores deste novo contedor que o próximo ano atoparán moitos cidadáns nas súas rúas.

O lema da campaña deste ano é 'O marrón, o contedor que devolve vida', ao transformar material orgánico en compost

Xornada central

O acto central desta Semana Europea da Prevención de Residuos será unha xornada informativa prevista para o xoves 24 na casa da cultura de San Cibrao (Cervo), para instruír os representantes locais na normativa aplicable e operativa a levar a cabo coa introdución do quinto contedor.

Un portavoz do departamento autonómico será o encargado de explicar as obrigas legais dos concellos respecto da valorización da materia orgánica, mentres que un técnico de Sogama exporá o modus operandi da instalación e tecnoloxía coa que se dotará á mesma para que leve a cabo o seu labor de forma eficiente.

O encontro, que estará presidido pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez- Castellanos, contará tamén coa presenza do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, e do alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

Así mesmo, o programa contempla a intervención de representantes dos concellos de Carballo e A Laracha, ambos os dous pertencentes á provincia de A Coruña, e que xa teñen instaurado o contedor marrón, de xeito que poderán achegarlle aos asistentes os seus coñecementos, bagaxe, experiencias e estratexia. O obxectivo é que expliquen como están a facer a recollida selectiva da materia orgánica, con que frecuencia, características dos camións utilizados, tipo de contedores situados nas rúas e como canalizaron as distintas accións a nivel administrativo, entre outras cuestións.

A xornada, que dará comezo ás 10.30 horas, culminará cunha visita dos asistentes ás obras da futura planta de biorresiduos que se está construíndo no polígono industrial de Cuíña (Cervo) e que xa vai moi avanzada.

A nova planta

Cun investimento de 6,4 millóns de euros, a planta de biorresiduos de Cervo ocupará uns 8.000 metros cadrados do polígono industrial de Cuíña, en San Cibrao, e disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica anuais, ás que habería que sumar 1.600 toneladas de material estructurante, é dicir, podas e restos de madeira.

Con esa materia prima espera producir case 1.500 toneladas de compost, que se destinará aos sectores da agricultura e xardinería como fertilizante natural.

A planta de Sogama estará alimentada por enerxías renovables e equipada tamén con novos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna e coa normativa medioambiental.

Aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia leva tempo apoiando os concellos para que cumpran coas obrigas legais establecidas na materia. E con ese obxectivo deseñouse desde a Consellería de Medio Ambiente unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións: catro plantas de biorresiduos, unha en cada provincia –a coruñesa de Cerceda, que é a única xa en funcionamento; a pontevedresa de Vilanova de Arousa; a ourensá de Verín e esta de Cervo, na Mariña de Lugo–. Estas naves estarán apoiadas por trece plantas de transferencia que contarán cun punto de transvasamento independente para a fracción orgánica (Forsu).

Semana europea

A conmemoración da Semana Europea da Prevención de Residuos, que coincide entre o 19 e o 27 deste mes en todos os países da UE e que alcanza a súa edición número 14, eríxese na maior campaña de sensibilización ao redor da prevención e redución da xeración de residuos no continente, aglutinando a participación de distintos colectivos sociais co obxectivo de crear conciencia en torno ao consumo responsable, a menor produción de refugallos, a reutilización e a reciclaxe.

Campaña ► Sesión formativa en 40 colexios

Explicación do colector marrón. EP
Explicación do colector marrón. EP

Durante esta semana tamén se impartirán sesións formativas en preto de 40 centros escolares de primaria e secundaria dos 15 concellos da área de influencia da planta de Cervo. A pretensión é explicar a alumnos e docentes que implicará a chegada do contedor marrón ás súas localidades, como terán que realizar a selección dos residuos orgánicos, que deben e non deben depositar noel e que tratamento recibirán estes refugallos en Cervo.

Ademais, tendo en conta o alto poder de influencia que pequenos e mozos teñen nos seus fogares, garántese a transmisión de coñecementos e, sobre todo, a sensibilización ao redor da necesidade de colaborar activamente no sistema de recollida selectiva para incrementar a reciclaxe e, polo tanto, o aforro tanto ambiental como económico.

Os tres erres

Nesas sesións formativas tamén se incidirá no principio dos tres erres: a redución, a reutilización e a reciclaxe.

Sabías que...? Instalado antes de xaneiro de 2024
Qué é?
O contedor marrón, ou coloquialmente quinto contedor –chamado así porque se suma ao amarelo de envases lixeiros e bricks, ao azul de papel e cartón, ao verde para o vidro e ao gris do lixo xeral– é o colector dos restos orgánicos, tamén coñecido como de biorresiduos.

Que se deposita nel?
Eses biorresiduos: desde comida ata restos vexetais e de xardinería e podas. Esa materia despois lévase a plantas onde se transforma en compost, que é un abono de alta calidade para o campo.

Cando se implanta?
Hai lugares onde xa se pode ver e outros que aínda tardarán, pero as comunidades autónomas e concellos deberán implantar a recollida de restos orgánicos antes de xaneiro de 2024, segundo as esixencias da Unión Europea. España quiso incluso adiantar os prazos, pero era materialmente imposible para moitos concellos, que son os que teñen a competencia en materia de residuos pero moitas veces sen medios. Razón pola que a Xunta e Sogama lles axuda neste novo proxecto.