Comezan as probas de acreditación do Celga, con máis de 2.000 admitidos

Os exames desenvólvense en Santiago e Ponferrada, dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria
O secretario xeral de Política Lingüística, nunha proba.
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística, nun dos centros compostelanos que acolleu as probas

Máis de dúas mil persoas foron admitidas ás probas de acreditación da lingua galega (Celga) que coemzaron este sábado en Santiago e Ponferrada, dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria. 

Este sábado foi o turno dos que se examinaban no nivel catro, que superaron o millar de convocados. Segundo informou a Xunta, este domingo chega a quenda dos interesados en obter o segundo grao do Celga, que deberán presentarse na Escola Galega de Administración Pública na capital galega e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. 

Para a vindeira fin de semana están programados os exames correspondentes aos niveis tres e un, que se celebrarán o sábado e o domingo, respectivamente.

O responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística - organismo encargado da organización dos exames-, Valentín García, visitou os centros de Santiago que acollen as probas e destacou "a importancia que a formación en lingua galega para adultos ten para o proceso de normalización lingüística".


Engadiu que as probas Celga permiten acreditar o nivel de galego a aquelas personas que non tiveron acceso durante a súa formación regulada a contidos en lingua galega, "ao tempo que potencian, adquiren e melloran as súas competencias no idioma propio", dixo.

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis. 

Comentarios