O colectivo Galicia Baleira critica a "desfeita bancaria" no rural galego

Instan aos clientes a que fagan valer os seus dereitos e ás Administracións a que tomen medidas 
Representantes de Galicia Baleira. XESÚS PONTE
photo_camera Representantes de Galicia Baleira. XESÚS PONTE

O colectivo Galicia Baleira, que comparten a Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo e a Federación de Asociacións de Veciños de Ourense, criticou severamente a "desfeita bancaria" levada a cabo de forma unilateral pola maior parte do sistema bancario, ese ao que deben 65.000 millóns de euros e non reintegraron, porque tampouco ninguén llo está esixindo". 

Nun comunicado, esixiron que, "ante actitudes impresentables, indignas e posiblemente malvadas" ás que ven sometidas os galegos por parte deste grupo de entidades –"as máis importantes por numero de clientes de Galicia"– ao Goberno estatal que actúe a través do Ministerio de Consumo; así como ao Banco de España e á Xunta de Galicia, "xa que non son suficientes as mobilizacións cidadás nin as respostas e esixencias da maior parte dos concellos de Galicia". 

O colectivo lamentou que, a día de hoxe, "non queren ver a ninguén pola oficina". "Todos molestamos, se imos realizar movementos bancarios ou xestións só se poden facer ata as 11.00 da mañá, e se se trata da retirada dalgún diñeiro da túa conta ou o pago de recibos, terás que facelo a través do caixeiro que teñen á entrada (un ou dous para todos), cando día de hoxe, máis do 75% dos usuarios non sabe formalizar operacións a través do caixeiro ou as redes informáticas, tendo que pedir axuda para un tema tan persoal e delicado", explicaron. 

"Ata hai pouco tempo, se eras cliente, pagabas comisións polo servizo en moi poucos casos, pero hoxe temos unha onda de comisións de servizos, totalmente inxustificadas, abusivas e tomadas de forma unilateral, sen ter en conta contratos previos, o que leva a un enriquecemento desmesurado como demostran as contas de resultados publicadas polas distintas entidades", aseveraron. 

Por todo isto Galicia Baleira sinala que "non aceptan" unha redución "tan drástica" na prestación de servizos directos nin o cargo de comisións desmesuradas. "Non admitimos a xeración de colas no exterior das oficinas cunha climatoloxía totalmente adversa. Se é preciso en momentos como os actuais por razón de COVI, que faciliten cita previa de hora de prestación do servizo. A rúa como pública que é, non pode estar ocupada polos usuarios da entidade", criticou o colectivo. 

"Non é aceptable que se estean pechando oficinas no medio rural e afastando os servizos dos usuarios en base aos seus plans de recortes e deprecio total ao medio rural, despois de estarse aproveitando e forrando dos usuarios destas áreas", apuntan. 

O colectivo tamén se referiu ás comisións, que requiren "se anulen todas" –"supoñen ao redor de 100 euros ao ano por conta"–, "xa que a entidade en ningún caso está a pagar ningún tipo de interese ao titular da conta, mentres opera co capital deste en propio beneficio da entidade". 

A este respecto, lembraron que as entidades bancarias "non devolveron o diñeiro recibido para o seu rescate ou o seu saneamento cun montante global de 65.000 millóns de euros, nin pagaron ata a data ningún tipo de interese".

CHAMAN AO BOICOT. "Se isto non tende a unha solución inmediata, requirimos que todos os entes públicos que teñan convenios con entidades bancarias para o pago de obrigacións ou servizos, condicionen a súa concesión a que o cobro de recibos se realíce en portelo, da forma que o usuario decida, cargo en conta ou pago en metálico, sen comisións por iso e no tramo de xornada laboral completa", declararon. 

O mesmo pediron aos clientes das entidades, aos que instaron a anular das súas contas "todo o relacionado con banca electrónica e se neguen ao uso de caixeiros, reclamando se é preciso ante as Organizacións de Consumo a súa liberdade de decisión". 
 

Comentarios