A CIG denuncia que a Xunta volve a eliminar contido de matemáticas en galego

O sindicato asegura que un total de 169 unidades didácticas foron borradas do portal da Consellería de Educación
Unha profesora imparte unha clase de matemáticas. AEP
photo_camera Unha profesora imparte unha clase de matemáticas. AEP

A CIG-Ensino denunciou este amrtes "o borrado de materiais didáctivos de Matemáticas en galego da web da Consellería" no que considera "un novo exemplo da persecución da nosa lingua no ámbito científico. 

No comunicado, aseguran que un total de 169 unidades didácticas foron eliminadas do portal da Consellería de Educación, no curso no que se cumpren 13 anos da publicación do decreto de plurilingüismo que levou á "eliminación do uso do galego en materias do ámbito científico". 

Coa decisión de eliminar novamente material en galego, para a CIG, a Xunta evidencia novamente un exercicio "de censura e persecución lingüística". 

Co borrado de temario, a administración educativa limita a liberdade de ducias de docentes galegos e lanza unha nova mensaxe acerca de que o galego non vale para as matemáticas, denuncia o sindicato. 

"É unha vergoña que teñamos que recorrer exclusivamente a iniciativas non dependentes da administración, que debería centrarse na defensa e promoción do galego, para poder acceder a unidades didácticas de matemáticas en galego", critican. 

Neste sentido, sinalan ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, como o representante do "negacionismo dos efectos do decreto de 2010, cun claro deterioro do papel da nosa lingua no ámbito escolar" mentras o secretario xeral de política lingüística, Valentín García, permanece "mudo ante todas as agresións destes últimos anos. 

Polo tanto, a CIG esixe unha rectificación por parte do cargo político que autorizou ese borrado e a restitución de todos eses materiais. 

Comentarios