Os centros educativos da provincia lideran o uso do libro electrónico

PERSPECTIVAS. Dixitalización e aprendizaxe de linguas reforzan fortalezas como a mellor ratio profesor-alumno en pequenos concellos ▶HOMOSEXUALIDAD. Un informe revela que Galicia funciona como "un territorio único" sen diferenzas entre o ensino urbano e rural
 
Román Rodríguez, Yolanda Barallobre e Virginia González SEBAS SENANDE
photo_camera Román Rodríguez, Yolanda Barallobre e Virginia González. SEBAS SENANDE

Galicia funciona no eido educativo como "un só territorio, un distrito único, con igualdade nos resultados e nos planos máis representativos do modelo, como a aprendizaxe de linguas, o que garante a equidade entre o ensino urbano e o rural", segundo manifestou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen deu a coñecer algunhas das conclusións do informe sobre a situación educativa na comunidade, elaborado polo seu departamento.

Rodríguez fixo estas valoracións nunha mesa redonda celebrada na sede de El Progreso para analizar os retos de futuro do ensino. No coloquio tamén participaron Yolanda Barallobre, orientadora do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, e Virginia González, asesora do Centro de Formación e Recursos Educativos (CFR) de Monforte. Unha das evidencias desta equidade é o liderado porcentual dunha provincia de marcado carácter rural como Lugo na implantación do libro electrónico a través do programa E-Dixgal, unha das liñas de traballo da Estratexia de Educación Dixital. Un 61,5% dos centros lucenses usan esta ferramenta. En total son 90, dos cales 14 incorporáronse neste curso e 21 ampliaron o programa a terceiro e cuarto de Eso.

Ao avaliar estes datos, Virginia González destacou que se fixeron moitos cursos de formación co profesorado. "Houbo unha gran concienciación para poñer en marcha o libro electrónico. Un dos obxectivos prioritarios era levar ese instrumento aos alumnos e ás familias para que non exista fenda dixital entre os colexios rurais en comparación cos urbanos". 


HOMOXENEIDADE
"Hai unha enorme homoxeneidade educativa, con independencia da zona onde se viva", precisou Rodríguez. Onde si existen diferenzas é na xestión de recursos.
A dispersión rural obriga "a un maior investimento e os centros máis pequenos gozan dunha mellor ratio profesor-alumno para fomentar esa equidade".

Román Rodríguez destacou a amplitude da rede. "O 99,75% dos alumnos de infantil e primaria teñen o colexio no seu concello, algo que no resto de España non é así, e só 600 estudantes de secundaria non acoden a clase no seu municipio", destacou. Son 1.100 centros espallados por Galicia.

Este esforzo fai que Galicia sexa, segundo o informe Pisa, "unha das rexións europeas con máis igualdade de oportunidades entre as zonas rurais e urbanas», concretou Rodríguez. O seu departamento analiza distintas variables, a partir dos datos recollidos no estudo sobre o ensino galego, para
calibrar esa igualdade no campo dos resultados, con referencias como as notas da Abau, que ofrecen similares rendementos académicos nos centros concertados
e públicos, urbanos ou rurais. Tamén se analiza «o nivel de acceso a servizos específicos, pero está claro que os recursos aportados pola
administración xeraron melloras no ensino rural", recalcou o titular de Educación. 

Os colexios e institutos dos pequenos concellos de Galicia figuran entre os de mellor nivel de España e de Europa. "A nosa comunidade está no sétimo ou oitavo lugar en renda media, pero en educación estamos nos primeiros postos e por riba da media da OCDE. Somos unha das rexións que máis avanzou de Europa e somos a comunidade con máis sistemas especiais dentro do noso organigrama", apuntou Román Rodríguez.

No eido dos servizos específicos sobresae o gasto en transporte escolar, que supera os cen millóns de euros anuais. "Galicia ten o 5% dos estudantes de España, pero o investimento que facemos en transporte escolar é do 25% do total do Estado". Esta circunstancia contribúe a que a comunidade galega sexa, despois do País Vasco e Navarra, "a que ten un maior investimento por alumno. Sempre pode xurdir algún problema ou algunha debilidade, pero a Xunta leva anos facendo unha forte aposta pola educación", dixo.

Yolanda Barallobre analizou as fortalezas do ensino rural, que se define por "unha comunicación vinculada á contorna, que permite prácticas moi contextualizadas e favorece pedagoxías e actividades nas que o alumno é o eixo vertebrador".

As relacións cercanas, familiares, "axudan á interacción e a personalización do ensino ao ter unha ratio más baixa de alumnos. Podemos facer un traballo máis axustado á realidade e o contexto", afirmou Barallobre. Desde este punto de vista, a orientadora do instituto Poeta Díaz Castro refiriuse á necesidade de "xerar expectativas ás familias, de crear futuro. No rural temos ferramentas para subir ao carro do ensino de calidade e os nosos centros tratan de aproveitar as ferramentas e os proxectos da administración para acadar ese obxectivo".

Os centros educativos de concellos pequenos son "un punto neurálxico, que crea comunidade. Se falla o ensino nestas áreas no cumpririamos co noso labor»,
subliñou esta docente.

Estratexia dixital
Un dos principais retos da educación é a dixitalización, algo que teñen moi en conta nos centros de formación do profesorado. "No curso 20-21 fixemos un esforzo para dar unha resposta formativa á situación derivada da pandemia. Ademais de poñer a disposición do profesorado once cursos de dixitalización en formato aberto, ofertamos outros específicos sobre ensino mixto para diferentes niveis educativos. Estas actividades céntranse en obter o máximo aproveitamento das aulas virtuais dos centros e das ferramentas existentes", indicou Virginia González.

A Consellería de Educación marcou como prioritaria esta liña de traballo para o curso actual. "Os centros están obrigados a ter un plan dixital e un coordinador para a súa elaboración. Tamén se nomearon mentores que están en contacto cos coordinadores para acompañar na execución do proxecto", engadiu González.

Román Rodríguez subliñou que a Estratexia de Educación Dixital 2030 pretende "dar un segundo salto no proceso de dixitalización". Lembrou que hai dez anos
xa se deu un importante paso "dotando de tecnoloxía aos centros, que pasaron a dispoñer de ordenadores ou de programas como o Avalar. Lugo foi entón a provincia máis dixitalizada de Galicia".

Esta estratexia busca usar os colexios e institutos como espazos dixitais. "Contamos con instrumentos e infraestruturas dixitais bastante avanzadas para que o profesorado teña o apoio da intelixencia artificial no seu labor a partir dunha forte base de formación, que é vital", engadiu Román Rodríguez. O titular de Educación mostrouse partidario de usar as oportunidades que dá a tecnoloxía para insertala no proceso educativo dun xeito igualitario coa fin de darlle aos alumnos as destrezas dixitais que lles permitan unha proxección de futuro.

O rural, escenario idóneo
Yolanda Barallobre ten claro que a escola rural "pode ser un dos escenarios idóneos para aplicar programas e acadar avances educativos. Contamos con grupos reducidos, nos que podemos intervir de xeito colaborativo, e temos a posibildidade de verificar tempos e espazos para levar a cabo dinámicas que fomenten a convivencia e da inclusión".

A orientadora do IES Poeta Díaz Castro considera que os colexios e institutos de concellos con menor entidade poboacional deben "aproveitar os programas da administracións e obter recursos. Temos que sacar partido a estas oportunidades. Os retos son cada vez maiores e temos que estar actualizados, xa sexa a nivel dixital ou para poñer en marcha novas metedoloxías pedagóxicas. Os nosos centros son un sitio axeitado para abordar estes restos por esas fortalezas de cercanía e de mellor ratio de alumno por profesor".

Os cambios da pandemia
A pandemia acelerou o proceso de dixitalización. "Iamos por ese camiño, pero o confinamento obrigou a ir a maior velocidade. As aulas virtuais funcionaron dun xeito satisfactorio e no curso pasado traballamos moito nun plan de continxencia para que, no caso hipotético de que houbera que volver atrás, estivese todo preparado a nivel de equipamentos e metodoloxía", lembrou o conselleiro de Educación. Un dos obxectivos foi crear horarios espello, "nos que
se traballou cos alumnos como se acudisen ás aulas, pero de maneira dixital", engadiu.

Aínda que en ningún caso a aula virtual pode substituír ao ensino presencial, xa que educar ten unha parte de contacto humano e de socialización que é fundamental, "en situacións extremas o dixital é unha ferramenta de gran importancia para manter o proceso de aprendizaxe", puntualizou o conselleiro.

Virginia González manifestou que durante a crise sanitaria tamén se afondou no benestar emocional. "Reforzamos aspectos emocionais que estaban abandonados. Esa interacción entre profesor, alumno, titor, familia e centro lógrase grazas á aplicación de programas educativos. Falamos de equidade, pero tamén de convivencia e de valores".

Nova Arquitectura Pedagóxica
Na opinión de Yolanda Barallobre, que formou parte dos docentes integrados no comité asesor da pandemia creado pola consellería, o covid obrigou a profesorado, alumnado e familias "a poñernos as pilas en canto a metodoloxía ou xestión de espazos. Isto deulle un impulso aos proxectos de arquitectura pedagóxica, con ambientes máis dinámicos e sans, máis adaptados ao alumno. A un neno non podemos telo toda a mañá con clases maxistrais. Hai que darlle
actividades prácticas coas que conecte co medio", subliñou.

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica trata de adecuar os centros educativos ás novas demandas da sociedade. Román Rodríguez subliñou que para fomentar unha aprendizaxe máis participativa é necesario ter espazos e mobiliarios máis flexibles. "Non só adaptamos os espazos ás esixencias da pandemia, senón tamén ás metodoloxías de traballo, sempre con criterios de sostibilidade".

Este programa arquiectónico conta cun investimento de 191 millóns para toda a lexislatura e contempla a reforma de parte dos 1.100 edificios da consellería, cunha media de idade de 45 anos e que precisan de ampliacións e medidas de aforro enerxético, ademais da reforma de espazos. Tamén se prevén algunhas novas construcións.

Plurilingüismo
Máis da metade dos colexios e institutos da comunidade son plurilingües e séguese avanzando neste proceso. "Cada ano hai novos centros que se incorporan a estes programas. A mellora en competencias en linguas estranxeiras é unha das oito claves definidas no Marco Europeo de Referencia", comentou a asesora do CFR de Monforte.

Para acadar este obxectivo existe unha variada oferta para a formación do profesorado, considerada un factor esencial. "Todos os centros que se incorporen aos programas plurilingües contan cun plan de formación cunha liña específica, con diferentes itinerarios en función das súas características. Esta oferta compleméntase coa impartida a través dos cursos de actualización lingüística do profesorado", aclarou Virginia González. Os cursiños son impartidos por profesionais das escolas oficiais de idiomas.

A oferta en competencias linguísticas está dirixida ao profesorado de centros plurilingües, "pero tamén se pode matricular calquera docente que queira mellorar os seus coñecementos neste campo", asegurou esta especialista do CFR de Monforte.

Na actualidade, un terzo dos docentes contan co certificado B2. Educación trata de fomentar que os alumnos e os docentes accedan a estas acreditacións ao ser unha ferramenta para a empregabilidade de cara ao seu futuro.

A Estratexia Galega de Linguas 2030, impulsada pola consellería, pretende que un 85% dos centros sexan plurilingües en catro anos e estender esta aprendizaxe en todas as etapas e ámbitos educativos. "Hai unha liña de traballo para a potenciación do idioma na FP e nas ensinanzas especiais. O ensino de idiomas tamén se estende ao medio rural, onde os colexios e institutos participan nestes proxectos e súmanse a programas de intercambio europeos. Vivimos nunha sociedade globalizada, cada vez máis interconectada, e o pliurilingüismo é fundamental para o día a día", explicou Román Rodríguez.

Galicia leva tempo traballando no eido dos idiomas e deu un salto cualitativo neste sentido. "Somos a terceira comunidade a nivel de inglés, algo impensable hai uns anos. As estratexias dixitais e as habilidades comunicativas son prioridades do sistema educativo e deben chegar a todos os alumnos", destacou Rodríguez.