O Centro de Linguas Modernas rebaixa os seus prezos de matriculación

Os centros dos campus de Santiago e Lugo amplían o prazo de inscripción cunha ampla oferta
Facultad de Humanidades. SEBAS SENANDE
photo_camera Facultad de Humanidades. SEBAS SENANDE

 A USC mantén aberta a convocatoria de matrícula nos cursos de idiomas que impartirá ao longo do primeiro semestre do curso 2021-22 o Centro de Linguas Modernas (CLM) nos campus de Santiago e Lugo. As principais novidades da programación afectan á redución do número de máximo de alumnado por aula, unha cifra que pasa de 20 a 15 persoas, así como ao abaratamento da matrícula reducida para a comunidade universitaria, unhas taxas que cara ao vindeiro curso pasan de ser de 3 a 2,60 euros, segundo explicou a directora do CLM da USC, Katerina Vlasakova, que tamén salientou que os cursos do Centro de Linguas Modernas poden servir como primeira experiencia universitaria para os maiores de 16 anos.

O abano de idiomas programado por este servizo complementario do ensino universitario da USC en Compostela inclúe cursos anuais de inglés de carácter presencial e semipresencial, unha oferta á que cómpre sumar cursos regulares semestrais de alemán, francés, catalán, galego para non galegofalantes, portugués e italiano. No caso do Campus de Lugo, a programación de cursos regulares con periodicidade semestral limítase aos idiomas inglés, alemán e francés. 

O Centro de Linguas Modernas da USC, do mesmo xeito que en anos anteriores, completará a súa programación formativa do primeiro semestre do curso 2021-22 na sede universitaria luguesa con cursos específicos de inglés nas modalidades B2.1, B2 e Speaking and Listening Skills, ademais de módulos en liña de galego para non galegofalantes. A oferta de cursos específicos de idiomas programada polo CLM en Santiago de Compostela para o próximo semestre inclúe alemán por destrezas, cursos de preparación para os exames Certificats B i C de Català do IRL, ademais de cursos semi-intensivos semestrais de inglés nas modalidades B1, B2 e C1. O seminario checo para o contexto universitario, que se impartirá en Santiago de Compostela, e as sesións presenciais e en liña de conversa en linguas estranxeiras (francés, inglés, alemán e checo) de niveis intermedio e avanzado, que se celebrarán en Santiago en Lugo, completan a oferta do CLM para o próximo semestre.

TEST DE NIVEL. As persoas interesadas en cursar estudos nunha lingua da cal posúan coñecementos previos e non aprobaron durante o curso anterior no CLM ou na Escola Oficial de Idiomas (EOI) terán que facer un test de nivel. A inscrición na proba farase por Internet dende a secretaría virtual da USC á que se pode acceder dende a páxina web do CLM. Os resultados dos test de clasificación publicaranse na secretaría virtual do alumnado. O prazo de inscrición nas probas para os cursos semestrais de inglés estenderase ata o 13 de setembro de 2021. Os tests realizaranse do 13 ao 15 de setembro en Lugo e ata o 23, en Santiago. A inscrición nos test de nivel das sesións de conversa de idiomas estranxeiros permanecerá aberto desde comezos de outubro ata o 15 de novembro.

MATRÍCULA. O único requisito para tomar parte nestes cursos é ter cumpridos 16 anos ou cumprilos no ano académico actual. As persoas que aprobaron no ano anterior un nivel segundo o Marco Europeo Común de Referencia (MECR) na EOI poderán matricularse directamente no curso inmediatamente superior, sen facer o test de nivel. Asemade, as persoas que aprobaron no ano anterior ou hai dous anos un nivel segundo o MECR no CLM poderán matricularse directamente no curso inmediatamente superior, sen faceren o test de nivel. As persoas interesadas deben contactar co CLM no enderezo electrónico [email protected] para solicitar a autorización da súa matrícula, agás as persoas que aprobaron no ano anterior ou no primeiro semestre un nivel segundo o MECR no CLM. A matrícula farase por Internet dende a páxina web do CLM.

Comentarios