miércoles. 28.07.2021 |
El tiempo
miércoles. 28.07.2021
El tiempo

Un centenar de persoas reclaman na Coruña a recuperación da Casa Cornide

Generated by  IJG JPEG Library
Protesta diante da Casa Cornide. M. DYLAN (EUROPA PRESS)

Defensa do Común e Asociación Veciñal da Cidade Vella piden ademais axilizar a súa declaración como BIC para evitar que se retiren obxectos

Un centenar de persoas concentráronse no mediodía deste domingo na Coruña para reclamar ao Concello o inicio do proceso xudicial para a recuperación da Casa Cornide, en mans dos Franco, seguindo o ronsel do Pazo de Meirás, porque ambos os inmobles son "as dúas caras dun mesmo espolio".

"A batalla de Meirás aínda non acabou, porque ten continuación na batalla da Casa Cornide. E imos gañar tamén esta nova batalla!", proclamaron os membros das dúas entidades organizadoras --Defensa do Común e Asociación Veciñal da Cidade Vella-- nun manifesto lido de forma conxunta.

En declaracións a Europa Press tras a concentración, o portavoz de Defensa do Común, Ricardo Vales, celebrou o éxito desta convocatoria que naceu "con dúbidas" pola pandemia do coronavirus, pero que finalmente se levou a cabo.

"Decidimos que a cousa non se pode arrefriar", xustificou, lembrando as denuncias que esta semana apuntaban a que os Franco comezarían a retirar obxectos do interior da Casa Cornide.

"Os Franco queren repetir a operación"

Tal e como reflicte o manifesto lido no mediodía deste domingo, o Concello da Coruña ten previsto presentar proximamente á Xunta informes para declarar este inmoble como ben de interese cultural (BIC), unha distinción que precisamente evitou que os herdeiros do ditador retirasen obxectos do interior de Meirás.

"Os Franco fracasaron en Meirás porque a mobilización cívica e o xulgado impediu que retirasen nada do pazo. Queren repetir a operación, pero estamos aquí para impedir que continúe o espolio da Casa Cornide e que os Franco continúen roubando o que é noso", proclamaron, ao facer lectura do texto.

En definitiva, Defensa do Común e a Asociación Veciñal da Cidade Vella garanten o seu apoio á iniciativa do Concello de presentar unha demanda xudicial pola que se solicite a anulación do título de propiedade do Franco, apoiándose ademais nun "informe contundente" da Universidade da Coruña (UDC) que apunta a que a compra foi "un agasallo" a Carmen Polo "camuflado de operación mercantil".

Unha compra nula de "pleno dereito"

Así mesmo, tal e como explica o manifesto, a venda da Casa Cornide por unha poxa pública "realizouse infrinxindo o Regulamento de Contratación das Corporacións locais de 1955", o que supón a "nulidade de pleno dereito" da operación.

A isto hai que sumar que o Consistorio coruñés "estivo a pagar os gastos de reforma e mantemento durante anos", aínda que estivese en mans privadas.

Por todos estes motivos, centos de persoas reclamaron na concentración -á que finalmente non acudiu o escritor Manuel Rivas por atoparse indisposto- fronte á Casa Cornide que se acelere o proceso para reclamar nos xulgados á familia do ditador e para declaralo BIC, como xa solicitaron por unanimidade o tres grupos políticos no Parlamento galego -PP, BNG e PSdeG-.

Un centenar de persoas reclaman na Coruña a recuperación da Casa...
Comentarios