CCOO reclama unha ''saída negociada'' para o conflito do servizo contra incendios

Os traballadores do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais, convocados por CC.OO e CSI-CSIF, encararon hoxe a súa terceira xornada de folga no que vai de mes. Con motivo desta protesta, os sindicatos convocantes volven acusar á Consellería do Medio Rural de "instalarse na cofrontación" con respecto ás demandas do colectivo.

Os sindicatos reiteraron a súa demanda de que se abra a mesa de diálogo entre a Administración e os traballadores para acadar unha "saída negociada" dun conflito que se mantén enquistado dende hai meses. Os sindicatos culpan á Consellería de que a negociación estea interrumpida por considerar que mantén unha "actitude inmobilista".

Mentres, a guerra de cifras sobre o seguemento das protestas adereza as últimas mobilizacións protagonizadas polos traballadores e contribúe a aumentar a confrontación entre as partes.

Concentracións e peregrinaxes
Na xornada de protesta de hoxe, os brigadistas do servizo de loita contra o lume volven trasladar as súas reclamacións ás sedes dos 19 distritos forestais galegos. Comisións Obreiras estima que no día de hoxe se concentrarán uns 500 traballadores. Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural contou 3 traballadores que secundaron a folga.

Os brigadistas da provincia de Lugo substituirán hoxe a súa habitual concentración fronte á sede do distrito forestal para iniciar unha peculiar peregrinación a Compostela dende a localidade de Sarria.

Cuestionamento dos servizos mínimos
O conflito que dende hai máis de vinte meses enfronta aos sindicatos coa Consellería vén motivado pola esixencia dos representantes dos traballadores de que se faga efectiva unha mellora das condicións laborais e salariais dos brigadistas.

Para o vindeiro xoves está convocada unha nova xornada de folga, que será a cuarta no que vai de mes. Na última mobilización protagonizada polo Servizo de Defensa contra Incendios os sindicatos ameazaron con non cumprir os servizos mínimos se Medio Rural non reabre a negociación.

Comentarios