Causa Galiza apuesta por la autodeterminación para el desarrollo de Galicia

A iniciativa popular Causa Galiza anunciou este sábado o seu plan de traballo para os vindeiros meses, onde destaca a alternativa da autodeterminación como ''única solución para o desenvolvemento socio-económico'' de Galicia, fronte á ''insuficiencia do marco constitucional español''. O colectivo independentista lanza esta campaña nun momento no que ''as forzas parlamentarias están a publicitar a súa intención de reabrir o debate'' sobre a reforma do Estatuto de Autonomía.

Segundo Olalha Barro e Leonardo F. Campos, que presentaron o plan de traballo, a sentenza do Tribunal Constitucional sobre a reforma do Estatut catalán ''veu explicitar os límites que o Estado Español marca para un suposto aprofundamento do autogoberno a través do marco xurídico-político vixente''. Para Causa Galiza, a superación deste marco pasa ''pola acumulación de forzas na sociedade galega arredor da reivindicación autodeterminista'' co obxectivo real do recoñecemento deste dereito para Galicia. Leo F. Campos salientou nesta liña a intención de ''recuperar, co apoio e a forza da sociedade civil e da cidadanía galega, a tradición de loita contra a via estatutaria dos anos 70''.

Folga xeral
Causa Galiza anunciou tamén a súa actividade ''axitativa'' de cara á folga xeral convocada polos sindicatos CIG e CUT para o 29 de setembro. A labor que desenvolverá a entidade soberanista nesta mobilización será a de explicitar que ''sen a capacidade de decisión do pobo galego nas cuestións económicas a clase traballadora está presa de decisións que se toman desde Madrid ou Bruxelas''. En palabras de Olalha Barro, ''emigración, desemprego, precarización dos servizos públicos e destrución do territorio son as consecuencias dun modelo superado, o da via estatutaria''.

Causa Galiza desenvolverá nas semanas previas á folga unha serie de palestras en varias localidades galegas coa participación de representantes do sindicalismo galego como parte do traballo mobilizador. Igualmente, a iniciativa prepara a edición dun documento de preguntas frecuentes sobre a relación entre autodeterminación e o mundo do traballo.

Comentarios