jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Dous alcaldes e só un bastón de mando

A xornada de investidura dos alcaldes galegos trouxo consigo orixinais formas de goberno. Catro concellos, Toques, A Rúa, Rodeiro e Ponteareas, terán dous rexedores diferentes na próxima lexislatura, xa que os candidatos das principais forzas políticas alternaranse no poder.

Un caso rechamante é o de Toques, na Coruña, onde, coa premisa de "devolverlle a dignidade" ao municipio e arrebatarlle a alcaldía a Jesús Ares, condenado por abusos a unha menor de idade, se constituíu un tripartito case insólito, co pacto de PSdeG, BNG e PP. O candidato socialista gobernará os dous primeiros anos, para deixar despois a substitución ao cabeza de lista popular. O único edil nacionalista da corporación será tenente de alcalde con ambos.

O municipio ourensán da Rúa tamén terá dous alcaldes durante os próximos catro anos. Os 20 primeiros meses serao o independente Vicente Solarat e o tempo restante tomará o bastón de mando o socialista Luís Fernández.

No concello pontevedrés de Rodeiro repartiranse a alcaldía dous inimigos políticos: o escindidido do PSOE, Manuel Salgado, alias Marenteiro, e o socialista José Vence. O independente, que conseguiu 571 votos, era a chave dos comicios e recibiu ofertas do PP e dos socialistas.

Unha formación independente alternará, neste caso co PP, á fronte do Concello de Ponteareas. Así, populares e Unión Condado Paradanta repartiranse a cadeira de alcalde a partes iguais durante os catro anos de lexislatura.

Curiosidades
No concello pontevedrés do Porriño, a xornada de investidura estivo marcada pola sorpresa. Tanto foi así que o alcalde, o nacionalista Raúl Francés, non levaba preparado o seu discurso. Ata o último momento, o PP mantivo negociacións cos independentes de Cidadáns por Porriño para arrebatarlle o bastón de mando ao BNG. Pero as diferenzas persoais dos grupos escindidos do PP e os populares, impediron chegar a un acordo. Por iso, Francés retomou a alcaldía cun novo goberno en minoría.

No Carballiño atopamos outro caso insólito, xa que o BNG decidiu onte renunciar á alcaldía.  Os nacionalistas abstivéronse na votación tras recibir o apoio do PP, para evitar gobernar co apoio deste partido. Desta forma, o candidato do PSdeG, Carlos Montes, gobernará en minoría no concello ourensán.

Dous alcaldes e só un bastón de mando
Comentarios