Case 1.300 galegos teñen prohibida a entrada a bingos e casinos

O xogo move en Galicia máis de 1.000 millóns de euros
photo_camera O xogo move en Galicia máis de 1.000 millóns de euros

Afortunado no mundo, desafortunado en amores. Así reza o refrán. Sen embargo, buscar a fortuna no xogo, cando se fai de xeito compulsivo pode ser sinónimo dun problema serio que levou a moitas persoas a perdelo todo: os cartos, o emprego e incluso a súa familia.

Segundo Novas fronteiras no estudo do xogo patolóxico, obra do catedrático de Psicoloxía Clínica do País Vasco, Enrique Echeburúa, o 2% dos españois adultos padecen ludopatía e o 3% está en risco de caer nela, o que supón que hai 1,5 millóns de afectados de xeito directo en España, dos que o 31% son mulleres.

A pesar de que as asociacións de afectados proporcionan cifras orientativas, resulta complicado saber o número exacto de persoas adictas ó xogo que hai en Galicia. Non obstante, a Xunta conta co denominado 'Rexistro de Prohibidos', unha lista que recolle os datos daquelas persoas que (por decisión propia ou obrigados por sentenza xudicial), teñen vetada a entrada ás salas de bingo e casinos situados na comunidade galega.

Alta voluntaria
Segundo datos da Consellería de Presidencia hai un total de 1.290 persoas apuntadas neste rexistro e ás que, en consecuencia, se lles dá o alto na porta deste tipo de establecementos. No que vai de ano, son 61 as persoas que se deron de alta no rexistro, no que, durante o mesmo período, non se produciu ningunha baixa.

A 'autoprohibición' acostuma a ser a causa máis frecuente de inclusión neste listado. De feito, dende a Dirección Xeral de Interior apuntan que, nos dous últimos anos, todas as altas que se produciron foron por petición propia. Con todo, tamén existe a posibilidade de que unha sentenza xudicial obrigue a dar este paso, a veces impulsada pola denuncia da propia familia que ve como os aforros dunha vida poden desaparecer en pouco tempo.

En total, dende comezos de 2005 ata a actualidade producíronse un total de 235 altas (61 no que vai de 2007, fronte ás 108 rexistradas en 2006 e 66 no 2005).

Os xogadores sinalan que esta fórmula é unha axuda importante á hora de superar os seus problemas de ludopatía. Sen embargo, a inscrición no 'Rexistro de Prohibidos', non é unha garantía absoluta de que non se volverá caer na tentación porque sempre está aberta a posibilidade de solicitar que se permita de novo a entrada ós establecementos de xogo. En Galicia non se solicitou ningunha baixa no que vai de 2007, se ben no 2006 un total de 29 persoas abandonaron este rexistro.

Listado nacional
Ademais dos listados 'de prohibidos' a nivel autonómico, existe un rexistro a nivel estatal no que poden incluír os seus datos aqueles que desexen que se lles negue o acceso a tódolos casinos e bingos do estado. A Consellería de Presidencia precisa que no rexistro autonómico non se recollen os 'prohibidos' que son de ámbito nacional e sinala que a partires do presente mes de agosto, a relación entre ambos listados realizarase a través de medios informáticos xa que, ata o momento, facíase mediante comunicación escrita mensual.

Asimesmo, o listado 'de prohibidos' notifícase por oficio ordinario ás 18 salas de bingo e ós 2 casinos que funcionan en Galicia, diferenciando as  normativas e os ámbitos estatal e autonómico. Dentro do rexistro autonómico diferéncianse ademais tantos ámbitos como sexa preciso: unha persoa pode solicitar que se lle prohiba a súa entrada nun determinado local, nos establecementos dunha localidade, dunha provincia ou da comunidade autónoma.

Inspección de xogo
Para comprobar que os locais cumplen coa súa parte do trato, a inspección de xogo da Dirección Xeral de Interior mantense ollo avizor. De feito, agora mesmo está tramitando unha sanción a unha sala de bingo da comunidade por saltarse as normas e permitir o acceso a unha persoa inscrita no 'Rexistro de Prohibidos'.

A Administración autonómica controla periodicamente se as salas de bingo e os casinos dispoñen de follas para aqueles que o soliciten poidan darse de alta ou de baixa nesta lista.

Volume de negocio
Ó tempo que se incrementan lentamente os 'prohibidos' nos bingos e casinos galegos, semella que as cantidades xogadas en loterías e xogos de azar descenderon na comunidade. Así se desprende do último Informe Anual do Xogo en España, elaborado polo Ministerio do Interior e correspondente ó ano 2006.

Fronte ós 1.300 millóns de euros que moveu o negocio do xogo en Galicia en 2005, o ano pasado rexistrouse unha redución do 16%, ascendendo as cantidades xogadas ós 1.099 millóns.
Pese a que esta cantidade supera con creces os 217 millóns de euros que se ingresaron no mesmo ano en A Rioxa ou os 283 de Navarra, Galicia é a comunidade onde menos gastan anualmente os seus habitantes no xogo: 134 euros. Os seguintes son os navarros (157 euros) e, no extremo contrario sitúanse os cidadáns de Baleares, cun gasto medio en xogos de azar de 254 euros.

Por outra parte, a maior parte destes cartos lévano as tragaperras, que acumulan o 24,4% destes 134 euros; seguidas da Lotería Nacional, da Primitiva e da ONCE. Os casinos, que reciben o 2,7% destes cartos, son os que menos triunfan entre os galegos.

Comentarios