As Casas do Maior expándense por toda a provincia e chegarán a once concellos

A Xunta prevé abrir 14 a curto prazo, que coas tres xa en funcionamento sumarán unha oferta de case cen prazas
Diana Moirón López. AGN
photo_camera Diana Moirón López. AGN

Con preto do 30% da súa poboación xubilada, a provincia de Lugo cóntase entre os territorios máis envellecidos do país e mesmo do sur de Europa, unha realidade demográfica que muda o concepto dos servizos sociais. Por iso a rede de cobertura para os maiores a través das Casas do Maior multiplicarase por cinco nun horizonte próximo, pasando de tres unidades nun par de municipios a expandirse ata as 17 unidades en once concellos.

Este servizo de atención no rural para xente por riba de 60 anos, posto en marcha pola Xunta en 2019 —a primeira abriu en Pazos de Borbén en maio dese ano— a imitación e semellanza das Casas Niño para coidar nenos de 0 a 3 anos, está a amosarse como un recurso de conciliación útil para as familias, que poden deixar alí os seus maiores durante o día. Pero con diferenzas con respecto a un xeriátrico ou centro de día convencional: as Casas do Maior son completamente gratis.

En Galicia hai hoxe operativos unha vintena destes centros, pero a última orde da Consellería de Política Social confirmou a aposta por esta ferramenta, xa que o investimento permitirá pasar de 20 a 88 Casas do Maior. E desas novas que está previsto habilitar, 14 estarán na provincia de Lugo.

Os novos centros abrirán en Triacastela (3), Baralla (2), O Incio (2), Riotorto (2), Becerreá, Guntín, Folgoso, O Páramo e Taboada

Delas, varias están practicamente operativas —ou en marcha ou agardando a chegada dos primeiros usuarios—. Son as dúas do Incio, Taboada, dúas en Riotorto e tres en Triacastela. As outras, que se localizarán no Páramo, Guntín, Folgoso do Courel, Becerreá e dúas en Baralla, están agora mesmo coas obras de acondicionamento, segundo Política Social.

Unha vez operen as novas, que se sumarán ás dúas que había nas Nogais e á de Portomarín, a provincia de Lugo terá 17 dos 88 centros galegos e ofertará neles 85 prazas, todas no rural en lugares sen moitas máis alternativas para a conciliación. En canto á repartición territorial, abarcarán boa parte das comarcas lucenses, excepto as da Mariña, Terra Chá e A Ulloa.

19.600 EUROS AO ANO. Estes centros permitirán dar un servizo de conciliación no rural ao ofrecer atención diúrna durante oito horas. Para poñelos en marcha, a Xunta fai unha dobre aposta na orde de axudas. Por unha banda, financia o acondicionamento físico do establecemento onde se vai situar a Casa do Maior, cun máximo de 15.000 euros para as obras. E logo reserva outros 19.600 euros anuais para o funcionamento diario de cada unha delas; é dicir, que eses serán os ingresos mínimos que terán garantidos os promotores, que logo tamén ingresarán a través das comidas, por exemplo.

Para os usuarios, que non poderán ser máis de cinco por centro, a atención é 100% gratuíta. E para facilitar a súa xestión, a convocatoria da Xunta contempla anticipos das axudas. No caso da partida destina á adecuación do centro anticípase o 80% dos fondos e no caso da partida para o seu funcionamento adiántase ata o 100% durante o primeiro ano e ata o 75% durante os dous seguintes, explican desde a consellería.

NOVIDADES. Nesta última convocatoria incluíronse novidades no perfil do usuario. Xa non terá que ter recoñecida unha dependencia como ata agora, senón que poderán beneficiarse destes centros persoas autónomas. Tamén se incrementarán os servizos ao asumir os desprazamentos das persoas maiores desde e cara a estes centros. Nestes casos, a Xunta ofrece ás promotoras unha axuda de 5 euros por persoa e día.

Ante o éxito de solicitudes, os Orzamentos da Xunta para o ano 2022 continúan apostando polas Casas do Maior ao incrementar un 22% o presuposto destinado. A intención é finalizar o vindeiro ano con máis de 120 centros en marcha: 600 plazas.

Diana Moirón Pacio: "Para os maiores isto é o máis parecido a estar na súa vivenda"

Que a leva a impulsar unha Casa do Maior en Riotorto?

Eu levaba oito anos traballando no xeriátrico de Bretoña (A Pastoriza) e cando saíu a orde da Xunta para as Casas do Maior suxeriumo o alcalde e propúxome a idea, que a min me pareceu boa. A min gústame estar con xente maior, teño dous maiores na casa e penso que é un bo sistema para coidar os maiores e tamén, ao mesmo tempo, un bo negocio.

Non tiña Riotorto ningún servizo de conciliación para maiores?

Están as chamadas vivendas comunitarias, que son como un xeriátrico, con atención as 24 horas. A Casa do Maior é distinta.

Por que? Aquí só se atende a xente maior durante o día, desde as 9.00 ás 17.00 horas.

E que servizos ofertan?

Os usuarios van chegar pola mañá e a aqueles que non almorzaran darémoslles un café, unhas galletas, leite, froita... Máis ou menos o que almorzarían na súa casa. E logo haberá actividades variadas, desde manualidades ata ximnasia, fichas... Tampouco nada sofisticado senón cuestións entretidas que lles sirvan a eles e coas que pasen un tempo distraídos. E os que queiran que paseen, porque temos un montón de sitio para saír fóra. E quen prefira, pode ver a televisión, que tamén temos.

E logo a comida.

Si. E aquí cociñamos nós. E despois de comer temos dez camas entre as dúas Casas do Maior porque hai xente maior que está máis afeita a durmir a sesta en cama e non nun sillón, así que cada usuario que elixa. Logo, a maiores, se algún quere antes de marchar pode merendar algo.

Ofrecen tamén o transporte?

Non. De momento non o solicitamos, así que os terán que levar e recoller, ou ir eles. Pero a partir do ano que vén podemos pedilo.

Cando contan abrir?

Pois xa temos a licenza e estamos agardando que nos manden os primeiros usuarios para abrir. Podemos ter cinco en cada Casa do Maior. Temos tres xa confirmados e hai máis xente pendente de valoración do grao de dependencia e da burocracia. Digamos que van vir escalonados.

Pero confían en encher?

Si. Poden vir persoas de máis de 60 anos sen dependencia ou con grao de dependencia 1 ou 2. E é totalmente gratuíto; só pagan 5 euros pola comida.

Que lle parece este recurso de conciliación para os maiores?

Eu creo que é unha boa idea. Véxoo por meus pais, que son maiores, e o que queren é estar na casa ou cerca da casa. Isto non é un xeriátrico, é o máis parecido posible a unha casa particular, cunha atención máis individualizada. Con dicir que meu pai está ilusionado xa por ir!