C. Callón: “Nun contexto de minorías dous ou tres deputados poden lograr moito máis para Galicia”

Carlos Callón
photo_camera Carlos Callón

O expresidente da Mesa pola Normalización Lingüística levaba ano e medio afastado da primeira liña, centrado na escritura e no seu labor como profesor. Agora, volve pola porta grande como cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega pola Coruña para o 20-D tras impoñerse nas primarias.

Volve á primeira liña tras un tempo apartado. ¿Por que?
Porque cada vez que abrimos un xornal, prendemos a tele ou oímos a radio non hai ningún dato positivo para Galicia. Baixan os salarios, pérdese poboación, aumentan as xornadas laborais, Galicia perde peso político, a lingua retrocede... En definitiva, Galicia esmorece porque quen a debería defender non a defende. Nese contexto decidín activarme e se o fixen na candidatura galega foi por unha cuestión formal, xa que non había ningunhas outras primarias abertas. Nós-Candidatura Galega era a única que tiña un proceso participativo onde podía tomar parte calquera.

¿Botaba de menos volver á acción?
Non, porque estaba moi contento na escola e escribindo os meus libriños. Pero tamén me daba de conta de que vendo o que pasa e que se nos vai das mans, pois un ten que erguerse, saír á rúa e traballar.

¿Axudoulle este tempo fóra desconectando?
Evidentemente axuda. E dache certa perspectiva das cousas. Por exemplo, poder dedicarme con maior intensidade ao ensino permitiume detectar a precariedade na que están os nosos centros escolares a nivel de material ou atención á diversidade.

¿E como viviu todo este proceso ou fracaso da candidatura única galega?
Eu son militante de base nacionalista, igual que son activista en diferentes causas socias: movemento gay e lésbico, ecoloxismo, defensa da lingua... Pero eu non participei nas negociacións. O que si vexo é que non puido haber acordo desde arriba, pero pode habelo desde abaixo. E eu vou pór toda a carne no asador e tender todas as pontes para que así sexa. Todas as persoas que amen Galicia e defendan políticas nesa liña deben participar.

¿A quen debemos culpar de que haxa dúas listas na esquerda nacionalista e rupturista galega?
Eu non vou entrar niso. Estou aquí para traballar. Pero ata onde eu sei só hai unha candidatura galega que se financiará con diñeiro galego e terá obediencia galega, a de Nós-Candidatura Galega.

¿Sentiuse algo así como o candidato oficialista neste proceso de primarias contra Tereixa Novo?
Non. Pero para min foi fundamental á hora de dar o paso ver a cantidade de apoio que tiven desde o principio. Fun un candidato con apoio amplo e plural. Se non fose así e entendese que o meu nome non servía para tender pontes, non tería dado o paso. E sobre Tereixa, pois somos persoas diferentes, claro, pero defendemos o mesmo: que Galicia teña voz en Madrid.

As contas din que onde máis posibilidades teñen de obter un escano é na Coruña. ¿Xa se ve deputado no Congreso?
Espero lograr o apoio de milleiros de persoas que concordan con estas ideas para que Galicia poida estar en Madrid. Sobre as enquisas, o único que vemos claro é que non vai haber maiorías absolutas, o que significa que aqueles que saiamos como representantes galegos, se sabemos movernos, poderemos conseguir moito máis para Galicia. Dous ou tres deputados, aínda sendo poucos no conxunto do Congreso, nun contexto de minorías poden lograr moito. Hai que facer un traballo de presión e de protesta, pero tamén de negociación e de acordos. É un traballo duro e intenso, pero moi necesario hoxe para evitar que Ciudadanos se convirta nun árbitro de PP e PSOE, o que sería nefasto para o paísa.

¿E impónlle respecto o Congreso?
Xa estiven alí como activista. Impón respecto no sentido que suporá moitísimo traballo, pero eu veño con moita enerxía e convición. Haberá que traballar moito en Galicia e tamén alí. Eu xa estiven en política como concelleiro na oposición de Ribeira en 2001 e 2002 e iso curte moito. Tamén participei no consello asesor de RTVE en Galicia e na Mesa.

¿A que figura política admira?
A Daniel Castelao, niso non son nada novidoso. Foi un exemplo fundamental.

Comentarios