Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

As cancelacións de reservas en Semana Santa en Galicia suben ata un 15% polo mal tempo

Unha das procesións de Ferrol suspendidas por mor da choiva. EFE
Unha das procesións de Ferrol suspendidas por mor da choiva. EFE

Nava Castro lamenta a "baixada" de turistas en comparación con 2017 pero asegura que "os datos non son tan malos como se podería esperar" 

A Semana Santa galega de 2018 está marcada polas constantes choivas e mesmo unha alerta laranxa no litoral. Por iso, segundo cifrou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, as cancelacións de reservas aumentaron entre un 10 e un 15% con respecto ao ano pasado. 

En declaracións a Europa Press, Castro lamentou que o sector rexistrase unha "baixada" en comparación coa Semana Santa de 2017, pero tamén asegurou que os turistas "continúan vindo". "Tendo en conta as expectativas, a pesar do tempo, que non acompañaba, os datos non son tan malos como se podería esperar", destacou. 

"Os que xa tiñan pensado vir non fixeron tantas cancelacións", afirmou. Con todo, si que informou dunha caída dos desprazamentos dos propios galegos dentro da comunidade, que "se notou" que preferiron non saír. 

E é que, ao seu modo de ver, Galicia dispón de "moitas atraccións" que permiten visitar a comunidade "fóra de temporada", como a Festa do Requeixo e da Mel, á que asistiu este venres santo, e outras celebracións gastronómicas. "A Galicia pódese vir en calquera momento", expresou.

CANCELACIÓN DE PROCESIÓNS. En canto ás celebracións relixiosas propias da Semana Santa, Castro lamentou a cancelación de procesións como a da Santa Cea do xoves santo en Viveiro, ou a da mañá deste venres, a do Santo Encontro en Ferrol. "Se chove moderadamente si que se pode saír, pero así... non", sentenciou. 

Ademais, a directora de Turismo de Galicia valorou o potencial de Galicia como "destino atractivo". "A pesar deste tempo dos primeiros meses, o turismo internacional está a incrementarse", asegurou para logo cifrar nun 3,9 por cento este crecemento con respecto aos inicios de 2017. 

"Somos un destino atractivo, que ofrece unha experiencia distinta, máis tranquila", subliñou. E é que, nas súas palabras, o seu departamento "incide na calidade máis que na cantidade". 
 

As cancelacións de reservas en Semana Santa en Galicia suben ata un...
Comentarios