O Camiño de Santiago recupera a súa afluencia paseniño

A ruta xacobea recupera o pulso aos poucos e "coa lección ben aprendida"  contabilizando uns 200 peregrinos cada día
Camiño de Santiago 4 EFE
photo_camera Peregrinos facendo o Camiño de Santiago. EFE

Desde a súa apertura simbólica o pasado 1 de xullo, o Camiño de Santiago foi recuperando pouco a pouco o ritmo previo á crise sanitaria e con el reactivouse a actividade de establecementos, servizos, albergues e peregrinos, que xa son uns 200 cada día e que se adaptan aos protocolos contra a expansión da Covid-19 "coa lección ben aprendida". 

Peregrinos en Compostela. EFE
Peregrinos en Compostela na nova normalidade. EFE

Dúas semanas despois da reapertura oficial do camiño, aos 28 albergues da rede pública que abriron as súas portas sumóuselles un a maiores, o de Abadín (Lugo), e a Oficina do Peregrino foi incrementando paulatinamente as compostelas entregadas. 

Así, fronte ás 67 que se expedían o día 1 ou as 54 do día 2, nas últimas xornadas, a cifra de peregrinos que chega a estas instalacións supera lixeiramente as 200 ao día. As cifras, aínda que modestas en comparación co mes de xullo do ano pasado, marcan boas perspectivas para as próximas semanas.

"As cifras comezan a ser interesantes", asegurou esta semana o concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, que destacou como na cidade se foron abrindo comercios, establecementos e servizos que aínda permanecían pechados por mor da pandemia. Os responsables de Turismo da cidade auguran que os datos se irán incrementando este mes, aínda que "todo apunta" a que este ano "vai ser mellor" agosto e setembro.


ADAPTÁNDOSE AOS PROTOCOLOS 

Os peregrinos que realizan estes días a ruta a Santiago fano adaptándose ás novas normativas de uso de albergues, que tratan de difundir as asociacións de amigos do Camiño.

Camiño de Santiago 4
Escultura no Camiño cunha máscara quirúrxica. EFE

 Neste sentido, o presidente da Federación de Asociacións de Amigos do Camiño, Luís Gutiérrez, explicou que a reactivación da ruta xacobea está a ser "aos poucos", polo que, polo momento, non se está producindo "ningunha aglomeración" no Camiño. 

Sobre o comportamento dos camiñantes, Luís Gutiérrez apunta a que os peregrinos están "a cumprir responsablemente" as medidas, que lles instan a levar máscara cando non poden manter a distancia social e a apostar polo distanciamento e o lavado de mans nos albergues. 


Dentro do protocolo que deben seguir estes centros, explicou o presidente da Federación, debe medírselle a temperatura aos peregrinos que, á súa chegada, teñen que quitarse o calzado, metelo nunha bolsa e depositalo nun zapateiro específico. 

Tamén deben embolsar e introducir en taquillas as súas mochilas "ou, se non hai máis remedio, colocalas no lugar onde durman", explicou Luís Gutiérrez, que subliñou que as asociacións están a informar aos usuarios de que deben levar os seus propios sacos de durmir e que non se proporcionan mantas para evitar contaxios. 

O peregrino, dixo o representante, "vai entrando aos poucos nesta responsabilidade". Entre as consultas máis realizadas están as relativas á capacidade dos albergues ou o seu funcionamento cos novos protocolos.

Comentarios