lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Buzos exhibirán puntería e destreza no Campionato Virxe Peregrina de Pesca Submarina

Presentación do Campionato Virxe Peregrina de Pesca Submarina. EP
Presentación do Campionato Virxe Peregrina de Pesca Submarina. EP
A competición, organizada polo Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes, desenvolverase na modalidade de infantería individual e rexerase polo regulamento da Fegas 

Os buzos máis avezados exhibirán a súa destreza e puntería este domingo 29 de agosto na península do Grove durante a celebración do XXIII Campionato Virxe Peregrina de Pesca Subacuática, organizado polo Club Sotavento en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas). A competición desenvolverase na modalidade de infantería individual –entrando e saíndo desde a praia– e rexerase polo regulamento de pesca submarina da Fegas, dándose a saída na praia da Barrosa e acotándose a zona de pesca entre a praia de Canelas e o peirao de Pedras Negras

O evento foi presentado esta mañá en rolda de prensa na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o secretario do Club Subacuático Sotavento, Héctor Costa Fernández, e o organizador do campionato, Daniel Otero Fernández, subcampión galego da disciplina por equipos e vixente campión do Virxe Peregrina. Segundo asegurou Costa, “como vén sendo habitual, a inscrición e concentración dos participantes realizarase a partir das 8:00 horas na praia da Barrosa, onde se presentará a documentación e se asinarán a inscrición, unha declaración responsable e o protocolo Covid aprobado pola Xunta de Galicia, lembrando que, dada a situación que estamos a vivir, o uso da máscara será obrigatorio e cada participante deberá traer o seu equipamento, estando totalmente prohibido que compartan cousas entre eles”.

 A organización agarda que, trala lixeira caída de participación rexistrada o ano pasado por mor da Covid-19, esta edición volva situarse nunha cifra de entre 45 e 50 inscritos –o habitual outros anos era chegar a entre 50 e 60–. En opinión de Tino Fernández, “a elección das Rías Baixas como escenario deste evento, que xa se pode considerar máis que un clásico destas datas estivais, ao levar XXIII edicións, e a aposta por Pontevedra á hora de organizalo, amosan unha vez máis que a nosa cidade e esta Concellería de Deportes son unha garantía de éxito para a celebración de calquera evento deportivo, xa se trate dunha competición nacional e internacional de tríatlon ou piragüismo ou de deportes máis minoritarios, como é o caso da pesca submarina”. O tenente de alcalde asegurou que “é unha honra que a pesaxe das capturas e a entrega de trofeos se celebre en Pontevedra” e destacou ademais “a incidencia positiva deste Campionato para o turismo, ao atraer a deportistas de toda Galicia e tamén doutras comunidades autónomas como Madrid, Asturias ou Cantabria”. 

O campionato terá lugar en San Vicente do Mar entre as 9:00 e as 13:00 horas. A pesaxe das capturas efectuarase ás 16:30 horas na Praza da Verdura, que tamén acollerá a entrega de trofeos 

As capturas trasladaranse nun camión isotermo á Praza da Verdura 

Tal e como explicou Daniel Otero, “a saída darase ás 9:00 horas, desprazándose cada deportista ás súas zonas de pesca para tentar capturar a maior cantidade posible de peixes que cumpran cos pesos establecidos e dándose por finalizada a xornada de pesca ás 13:00 horas, e debéndose saír da auga no mesmo punto –saír doutro punto e chegar a pé será motivo de descualificación–”. “Unha vez entregadas as capturas e depositadas nun camión isotermo para a súa correcta conservación, desprazarémonos ata Pontevedra para proceder coa pesaxe, a entrega de trofeos e o sorteo de agasallos para os participantes. A pesaxe das capturas terá lugar na Praza da Verdura arredor das 16:30 horas e, ao final da mesma, entregaranse os trofeos e sortearase o material”, subliñou o organizador. 

Otero indicou que nesta edición “haberá por primeira vez unha clasificación en categoría feminina, ao contar con cinco rapazas inscritas”, entregándose trofeos para os tres primeiros clasificados, as tres primeiras clasificadas e un específico para a peza maior –a de máis peso–. Pola súa banda, Héctor Costa matizou que á hora de realizar as puntuacións dos competidores “terase en conta tanto a cantidade de pezas obtidas como o seu peso e o número de especies diferentes de peixes”. “Ao estar limitado o número de pezas por especie -aclara o secretario do Club Sotavento, tamén se terá en conta se se pechan os cupos establecidos”. 

Os organizadores animaron “a todo o mundo que teña licencia, un traxe, unhas aletas y un fusil” a inscribirse nun evento que xa é un referente a nivel galego e nacional. Aínda que as restricións motivadas pola Covid-19 obrigaron a eliminar o tradicional pincho na Praza da Verdura, os competidores terán bocadillos como avituallamento.

Buzos exhibirán puntería e destreza no Campionato Virxe Peregrina...
Comentarios