O BNG recorre á JEC a recomendación de levar o voto de casa

O órgano galego arquivou a primeira denuncia da formación, que entende que esta medida "atenta contra a pluralidade democrática e o principio de igualdade"
A coordinadora de campaña do BNG e portavoz en Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa. EUROPA PRESS
photo_camera A coordinadora de campaña do BNG e portavoz en Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa. EUROPA PRESS

O BNG elevou un recurso ante a Junta Electoral Central (JEC) despois de que a Xunta Electoral galega rexeitase unha denuncia contra a recomendación da Xunta de levar o voto preparado desde o domicilio nos comicios autonómicos do 12 de xullo.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, a coordinadora de campaña do Bloque, Goretti Sanmartín, explicou que a formación frontista considera que a recomendación, recollida no protocolo elaborado pola Administración autonómica para a xornada de votación do 12 de xullo, "atenta contra a pluralidade democrática e o principio de igualdade" entre as forzas.

A Xunta Electoral de Galicia considera que o consello de levar o voto preparado de casa non é "vinculante", senón "voluntario"

"DISCRIMINACIÓN". "Esta recomendación provoca medo e desconfianza nos votantes, cando o principal empeño da Administración debe ser garantir a seguridade dos colexios electorais. A administración non ten que asustar senón garantir que os locais electorais son lugares de confianza para o desenvolvemento da xornada electoral", manifestou.

Ademais, Sanmartín tamén sinalou que este consello "supón unha discriminación que penaliza" ás forzas políticas "con menor capacidade económica" ao ter máis dificultades para facer chegar a súa papeleta aos fogares a través do correo. Neste sentido, lembrou que o BNG lanzou unha proposta para realizar un mailing conxunto de todas as candidaturas pero topouse con "a resposta negativa" do PP.

Outro dos argumentos sobre os que descansa o recurso presentado polo BNG é o dereito ao que se acollen miles de electores de non recibir propaganda electoral nas súas casas. Isto, combinado coa "práctica imposibilidade" de distribuír material nas rúas durante esta campaña, "contradi a recomendación" da Xunta, expuxo Sanmartín.

ARQUIVADA POLA XUNTA ELECTORAL GALEGA. Na resolución que, con data de este 4 de xuño, subscribe a Xunta Electoral de Galicia, alúdese ao carácter "non xurídico" da recomendación e subliña que o consello de levar o voto preparado de casa non é "vinculante", senón "voluntario" para os electores, tendo en conta que "non ten forza xurídica obrigatoria".

"Trátase dunha recomendación no contexto que se enmarca o protocolo referido ás medidas preventivas por razóns de saúde pública singularizadas fronte á Covid-19 compatibles en todo caso coa máxima seguridade de hixiene, limpeza e outras medidas nos locais electorais. En suma, enmárcase na finalidade de posibilitar o desenvolvemento da xornada electoral en compatibilidade coa saúde pública", esgrime.

"O voto por correo é unha opción excepcional e pretender que sexa masivo supón cambiar as regras do xogo", di Goretti Sanmartín

Así mesmo, a resolución da Xunta Electoral galega argumenta que "non cabe inferir desta recomendación" para os electores a vulneración do principio de igualdade e pluralismo político de quen concorre ao proceso electoral en curso, " máxime polas razóns expostas na reclamación por ter o mailing electoral para as forzas políticas e a baixa na recepción de propaganda electoral para os electores o mesmo carácter voluntario".

A resolución deixaba a opción de recurso ante a JEC, paso que agora dá o BNG.

VOTO POR CORREO. Tamén este venres, a responsable da campaña da formación nacionalista valorou que a Junta Electoral tombase a pretensión da Xunta de que se permitise a "clave administrativa 365" como vía para solicitar o voto correo, unha canle para a emisión do sufraxio que se flexibilizou para esta cita coas urnas, o que esperta receos nas filas do BNG.

"O voto por correo é unha opción excepcional para persoas con impedimentos para acudir ás urnas na xornada electoral e pretender que sexa masivo supón cambiar as regras do xogo e alterar características básicas do procedemento electoral", incidiu Sanmartín, que advirte da posibilidade de que, ante as medidas extraordinarias autorizadas, "unha soa persoa poida votar por cen ou mil persoas".

E é que, segundo explicou, no caso de que o cidadán que recibe a documentación do funcionario de Correos non emita o seu voto nese momento, "ábrese a porta" a que un terceiro "poida manipular ese sufraxio" e depositalo máis tarde nunha oficina postal "sen que sexa necesaria ningunha identificación".

"Que garantías hai de que ese voto chegue a destino sen ser manipulado?", preguntouse a tamén portavoz do BNG en Santiago, que reclamou medidas para garantir o dereito a voto dos residentes temporais no exterior –Erta– e os mariñeiros en frota de altura, colectivos que, en cada proceso electoral, teñen dificultades para "un dereito básico" como a participación democrática.

Comentarios