miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

O BNG reclama á Xunta declarar o estado de emerxencia sanitaria

Pontón. XOÁN REY
Pontón. XOÁN REY
Pontón afirma que "alguén ten que explicar" por que se pechou A Mariña sen transmisión comunitaria e agora non se fai "nada" na Coruña

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou á Xunta a que declare o estado de emerxencia sanitaria, que permite "unha maior capacidade de actuación e de coordinación de medios" fronte ao coronavirus. 

En rolda de prensa este martes, Pontón lembrou que esta é unha medida que "xa se adoptou e que debería recuperarse", porque pode "permitir mobilizar máis efectivos". Sinala que é "un mecanismo que lle ofrece ao Goberno galego "tomar decisións sobre mobilidade" e "coordinar a resposta". 

E é que advirte de que a Xunta "ten que tomar decisións" na área da Coruña, con test "masivos" ao conxunto da poboación e "medidas máis drásticas en relación coa mobilidade que permitan frear a cadea de contaxios". 

A este respecto, a líder do Bloque considera que "alguén ten que explicar" por que no seu momento o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tomou a decisión de restrinxir a mobilidade na Mariña, "con 106 casos e sen transmisión comunitaria", mentres "non fai absolutamente nada" na área da Coruña, "con máis de 800 casos e transmisión comunitaria". 

Ana Pontón incide en que a Xunta e Feijóo "teñen que porse á fronte desta pandemia"

Nesta liña, remarca que "o propio Goberno recoñece que hai transmisión comunitaria", polo que as medidas implementadas "xa non serven", de modo que a líder nacionalista censura "a irresponsabilidade por non facer nada".

ACUSA Á XUNTA DE "IMPROVISACIÓN". Logo de ofrecer a "man tendida" á colaboración nunha "situación moi delicada", acusou á Xunta de "improvisación", xa que "non está a actuar con criterios claros e homoxéneos". 

Ana Pontón incide en que a Xunta e Feijóo "teñen que porse á fronte desta pandemia". "As decisións de hoxe son as que salvagarden e eviten os contagios de mañá", avisa. 

De tal forma, a líder nacionalista requiriu a Xunta e Goberno que "deixen de porse de perfil", "asuman a súa responsabilidade" e non pretendan "escurrir o vulto". 

Pontón recrimina que a Xunta "segue sen aclarar cantas persoas ten contratadas" para o rastrexo

Asegura que o Estado español "é un dos que peor está a xestionar esta crise", onde "Galicia non está a ser unha illa". Aquí, dixo que lle preocupa "especialmente" a situación sanitaria na área da Coruña, que acumula máis do 60% dos casos galegos e cun ritmo reprodutivo básico -número de novos casos que xera cada infectado- "moi por encima da media". 

Critica que agora que Feijóo "ten competencias plenas non ten tanto interese en comparecer", senón en "responsabilizar a concellos, policías locais e cidadanía", pero "non asumir responsabilidades".

PROPOSTAS. Na súa intervención, Pontón lanzou unha serie de propostas para afrontar a Covid-19 con "máis garantías" en Galicia. 

Avisa de que "é evidente" que non hai "suficientes rastreadores", mentres Feijóo "falsea" a realidade ao falar de 6.000 persoas e incluír a todo o persoal de Atención Primaria. Acusa á Xunta de actuar con "opacidade" nos datos e pide "máis transparencia". 

Recrimina que a Xunta "segue sen aclarar cantas persoas ten contratadas" para o rastrexo, á vez que os estudos arroxan que Galicia "non é capaz de detectar a orixe no 73% dos casos". 

Tamén chama a "blindar" as residencias de maiores e a destinar 200 millóns de euros a un plan de reforzo da Atención Primaria. 

Xunto a isto, apela a que o Goberno galego "reconsidere" o protocolo de volta aos colexios e escoite á comunidade educativa para que "haxa máis medios", se reduzan os cocientes por aula e se implique en medidas como a atención a comedores. 

O BNG reclama á Xunta declarar o estado de emerxencia sanitaria
Comentarios