O BNG reclama un fondo autonómico para gastos extra nos comedores escolares

Tamén se destinaría para actividades de conciliación
Reunión do BNG. EFE
photo_camera Reunión do BNG. EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou á Xunta de Galicia un fondo para cubrir os gastos extraordinarios dos comedores e actividades de conciliación derivados da pandemia da covid-19. 

Pontón emprazou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "acabar coa improvisación" e a que "asuma as súas competencias e responsabilidades en materia de educación". A líder nacionalista fixo estas declaracións en Pontevedra, despois de manter un encontro coa Federación de ANPA (Fanpa). 

Ana Pontón lamentou que, a pesar de saber desde a declaración do estado de alarma, o pasado 14 de marzo, que o 10 de setembro empezan as clases, "a Xunta non fixo os deberes" e a día de hoxe existe "unha situación de incerteza que é unha falta de respecto aos nenos e nenas, ao profesorado e tamén ao conxunto das familias". 

A líder do Bloque sinalou que a Xunta tivo seis meses para preparar o inicio de curso e "reducir os cocientes, contratar profesorado, acordar un protocolo e proporcionarlles ás familias un inicio de curso con todas as garantías sanitarias". Con todo, a líder nacionalista acusa ao Goberno de Núñez Feijóo de "falta de capacidade para xestionar esta crise", cun "deixamento de funcións" no que "a única preocupación é botar balóns fóra". 

O BNG pide á Xunta que "consensúe" coa comunidade educativa "un protocolo seguro e eficaz"

Pontón alertou de que "esta pandemia non pode facer que unha xeración de nenos e nenas perda algo tan importante como o dereito á educación". 

O BNG pide á Xunta que "consensúe" coa comunidade educativa "un protocolo seguro e eficaz", coa contratación de máis profesorado en todos os niveis educativos e que se reduzan os cocientes.

PERIGAN EXTRAESCOLARES E MADRUGADORES. Ademais destacou a necesidade de medidas de conciliación e instou á Xunta a que dialogue coas asociacións de pais e nais porque, nalgúns casos, "están no aire programas como os de madrugadores, comedores e actividades extraescolares". 

O BNG propón que a Xunta habilite un fondo extraordinario para as ANPA que xestionan os comedores e darlles garantías xurídicas e facer unha repartición gratuíto de máscaras nos centros escolares. 

Pontón asegurou que aqueles concellos nos que goberna o BNG tamén van arrimar o ombreiro e asumir os gastos extraordinarios da limpeza e desinfección dos centros, "a pesar de que non é a súa competencia e de que debe ser a Xunta quen financie estes recursos". 

Comentarios