O BNG propón unha lei con criterios "transparentes" para os fondos municipais

Pontón pon como exemplo as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra fronte ao "caciquismo" do PP na de Ourense e no Goberno galego 
 
Pontón, rodeada de dirixentes nacionalistas. XOÁN REY
photo_camera Pontón, rodeada de dirixentes nacionalistas. XOÁN REY

O BNG propón elaborar unha lei autonómica que regule, con criterios "transparentes" e de "equidade", tanto a repartición anual de fondos da Xunta aos concellos como a participación das entidades locais nos ingresos propios da Administración autonómica. 

De igual modo, os nacionalistas suxiren ao Goberno galego que cre un Plan Concellos que recolla todas as axudas e subvencións destinadas aos municipios, así como unha ferramenta que permita unha "visualización anual e da serie histórica" das transferencias realizadas polo Executivo autonómico. 

"Trátase, en definitiva, de ter unha Xunta que trate por igual a todos os veciños do país, con independencia de en que concello vivan e de se votan ben ou votan mal", ironizou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto centrado en política municipal e celebrado este sábado no NH Collection de Santiago de Compostela. 

Desde este evento, ao que asistiron decenas de responsables locais do Bloque como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, Pontón reivindicou a capacidade dos nacionalistas de "pór en marcha proxectos transformadores, vangardistas e que melloran a vida" dos veciños a pesar de que o sistema de financiamento municipal ten "un enorme déficit". 

"Cada concello galego recibe 50 euros menos por habitante que a media do Estado", asegurou a líder frontista, quen denunciou ademais que esta "discriminación é especialmente sensible" cara ás cidades da Comunidade: "252 euros por habitante fronte aos 499 euros de media das grandes cidades do Estado que superan os 50.000 habitantes". 

Por iso, o BNG leva "anos demandando un cambio" de sistema para "adaptalo á realidade" de Galicia, onde os servizos públicos ten un custo medio superior debido ao "envellecemento e á dispersión da poboación". 

E este panorama prodúcese –agregou Pontón– cando os gobernos locais "están a asumir competencias que non lles corresponden", entre as que mencionou a sanidade, os servizos sociais e a xestión do ciclo da auga. "A pandemia deixou esta situación dun modo máis claro", lamentou a continuación.

DEPUTACIÓNS E XUNTA. Neste contexto, a portavoz nacional reivindicou a xestión das tres deputacións galegas onde o Bloque comparte goberno cos socialistas –Pontevedra, Lugo e A Coruña–, posto que "operan con transparencia e igualdade na repartición de fondos aos concellos". 

"Isto é xusto o oposto ao que practica o PP na Deputación de Ourense e na Xunta", advertiu, para seguidamente pór como exemplo o informe do Consello de Contas que en maio sinalou que o 84 por cento das subvencións repartidas polo goberno provincial ourensán aos municipios en 2018 se outorgaron sen concorrencia competitiva. 

Para Pontón, é sinal de que o popular Manuel Baltar reparte estas contías "a dedo e con finalidade partidista", como exemplo do "caciquismo máis vello e máis rancio". 

Así, criticou que a Xunta tamén utiliza as transferencias locais "de maneira partidista" e sen "a igualdade e a transparencia que require unha administración que queira denominarse plenamente democrática".

"A DOUTRINA DO AMIGUISMO". De feito, Pontón avisou que, dos 488,5 millóns de euros que avanzou o Goberno galego que irían parar aos municipios nos orzamentos autonómicos de 2022, "o 72,2 por cento vanse a distribuír de maneira discrecional". 

"A Xunta pretende repetir un ano máis a doutrina do amiguismo na repartición dos fondos públicos", alertou, á vez que tirou de ironía facendo referencia ás polémicas palabras do escritor Mario Vargas Llosa durante a Convención Nacional do PP: "Aqueles concellos onde votan ben van ter máis recursos e concellos onde non votan ben van ter menos". 

Por todo isto, e para que a Xunta "cambie esa práctica caciquil e arbitraria" nas contas do 2022, Pontón suxeriu unha nova lei de financiamento local que garanta criterios "transparentes" e "ecuánimes" para a repartición duns fondos que "non son da Xunta nin do PP, senón que nacen dos impostos que pagan os galegos". 

Comentarios