O BNG propón unha lei para incrementar en 223 millóns os fondos da Atención Primaria

O PP, que rexeita a iniciativa, di que a disminución do gasto desde 2009 débese á redución en receitas e á eliminación do fondo de continxencia 

Un Punto de Atención Continuada (PAC). TOÑO PARGA (AEP)
photo_camera Un Punto de Atención Continuada (PAC). TOÑO PARGA (AEP)

O BNG, co apoio de En Marea e o PSdeG, propuxo debater na Cámara unha lei para incrementar en 223 millóns os fondos da Atención Primaria ao considerar que está nunha "situación de urxencia" como consecuencia de ser "o ámbito da sanidade pública que con máis intensidade sufriu os recortes do PP". A medida foi rexeitada pola bancada popular, que considera que "subir os impostos da clase media para mellorar a sanidade non é a solución".

A toma en consideración desta proposición de lei foi defendida no pleno da Cámara pola deputada nacionalista Montse Prado, quen denunciou un recorte acumulado de "2.000 millóns de euros" ao longo dos nove anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Para o BNG, este "recorte" provocou "masificación das consultas, a redución do número de persoal, a non sustitución" ou o incremento das listas de espera para as consultas dos médicos de familia. "Os propios profesionais dos PAC dixeron que ata aquí chegaron, o seu nivel de sobrecarga é brutal", sinalou.

Para conseguir estes fondos, o BNG propón a introdución de tributos, a modificación do imposto do patrimonio e unha modificación da exención do imposto de sucesións

Ante esta situación, Montse Prado considerou "imprescindible" un cambio de rumbo na sanidade, que "empece pola porta de entrada, a Atención Primaria". "Por iso traemos aquí a debate esta lei que propón o incremento de recursos, cunha modificación presupuestaria de 223 millóns", apuntou.

Para conseguir estes fondos, os nacionalistas propoñen por unha banda a introdución de tributos, como unha "maior progresividade no tramo autonómico do IRPF", a modificación do imposto do patrimonio, para baixar as exencións dos 700.000 aos 300.000 euros, así como unha modificación da exención do imposto de sucesións. Ademais, o Bloque tamén propón modificar tramos de gastos nas partidas presupuestarias da consellerías.

APOIO DE PSDEG E EN MAREA. A toma en consideración desta proposición de lei foi apoiada polos grupos do PSdeG e En Marea dado que ambos coincidiron no diagnóstico da situación da Atención Primaria aínda que mostraron "discrepancias" sobre as medidas a realizar para obter os 223 millóns de euros. 

Así, en primeiro lugar, o socialista Julio Torrado avanzou o seu apoio a esta proposición de lei ao considerar que "a Atención Primaria está sendo ninguneada" polo Partido Popular que non ten "ningunha dificultade para facer grandes promesas pero si para facer compromisos reais" que permitan solucionar os problemas en "infraestructuras e persoal". 

Con todo, recoñeceu "discrepar" cos nacionalistas sobre cuestións concretas como a "derrogación da modificación do imposto de sociedades" ou a supresión de "unha partida de 75 millóns en infraestructuras". Pese a iso, sinalou que son cuestións que poden ser liquidadas durante a tramitación.

Pola súa banda, a deputada de En Marea Eva Solla, que tamén mostrou o apoio do seu grupo á medida pese ás "discrepancias sobre os aspectos económicos", advertiu de que a sanidade galega "fai augas" debido aos recortes do PP, que provocaron unha "perda de profesionais" que deriva en "problemas de forma continua".

"Consideramos adecuado que os grupos traian propostas, porque non temos noticias da Consellería de Sanidade sobre un plan de mellora para a Atención Primaria", manifestou para asegurar que "todos os esforzos son poucos" para "abordar a situación" deste ámbito da sanidade.

REXEITAMENTO DO PARTIDO POPULAR. Pola súa banda, o portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, asegurou que a disminución do gasto da Xunta no programa de atención primaria entre os anos 2009 e 2018 "débese fundamentalmente á redución do gasto en receitas e á eliminación do fondo de continxencia". Ademais, considerou que "subir os impostos da clase media para mellorar a sanidade non é a solución". 

Aurelio Núñez concretou que a diferenza do gasto en atención primaria entre os anos 2009 e 2018 é de 223 millóns, dos que 155 corresponden ao descenso no gasto de receitas pola utilización de xenéricos e ás diferentes medidas de racionalización da prestación farmacéutica adoptadas nos últimos anos, e outros 54 millóns á non consignación do fondo de continxencia. 

Ademais, destacou que, na actualidade, Galicia conta para a atención primaria con 469 centros de saúde e 91 puntos de atención continuada, ademais da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061. "Ao redor de 38.000 profesionais traballan en todos os centros sanitarios do Sergas, o que representa un crecemento de 1.544 traballadores respecto de 2008", sinalou. 

Comentarios