domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

O BNG propón converter o Pazo de Meirás nun centro de recuperación da memoria histórica

Pazo de Meirás. CABALAR
Pazo de Meirás. CABALAR
Critica a proposta da Xunta e asegura que a figura de Pardo Bazán non pode ser utilizada para ocultar a historia recente do inmoble

O BNG presentou un plan de usos no que propón converter o Pazo de Meirás nun centro de recuperación da memoria histórica galega no que, como "lugar de represión", estea moi presente a "memoria das vítimas e da súa dignidade". Ademais, tamén reclama que o Estado o transfira á Xunta de Galicia. 

Así o demandaron nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, e o deputado Luís Bará, quen lembraron que o xoves, día 10 de decembro, é o día marcado para que a familia Franco entregue o inmoble. 

Na súa intervención, Olalla Rodil volveu a pór en valor a decisión xudicial que, "aínda sendo provisional", abre unha "oportunidade" para que este inmoble sexa patrimonio público e asegurou que "sería impensable falar desta decisión" se non fose pola "loita popular" como a levada a cabo polos '19 de Meirás', aos que se lles pide unha condena de até 13 anos por "realizar un acto simbólico, cívico e pacífico". 

Pola súa banda, Luís Bará debullou as liñas de actuación propostas polo BNG para o futuro do pazo. Neste sentido, considerou necesario articular a xestión conxunta do inmoble a través do tres administracións que xogaron un "papel fundamental" na súa recuperación -en referencia á Deputación da Coruña, ao Concello de Sada e á Xunta-, xunto aos colectivos sociais e aos expertos na investigación histórica. 

"Non se trata só de abrir as portas do pazo senón de facelo coa articulación dun percorrido interpretativo e guiado que debe contemplar todos os seus usos"

Para o BNG, as primeiras actuacións a desenvolver pasan pola retirada de todos os elementos de exaltación e apoloxía da ditadura e do ditador, co obxectivo de romper definitivamente coa concepción de Meirás como "parque temático e centro de peregrinacións franquistas" e proceder á súa apertura pública, tanto do inmoble como das case 10 hectáreas de bosques e xardíns, con horarios amplos de visita. 

"Non se trata só de abrir as portas do pazo senón de facelo coa articulación dun percorrido interpretativo e guiado que debe contemplar todos os seus usos", incidiu para sinalar a continuación que a visita ten que estar deseñada por persoas expertas na materia e contemplar o papel non só como residencia de Emilia Pardo Bazán, senón tamén o seu uso durante a ditadura e a democracia e o proceso de loita pola súa recuperación.

CRÍTICAS Á PROPOSTA DA XUNTA. A formación nacionalista, que pide que o Pazo de Meirás sirva de centro internacional de referencia no estudo e interpretación das ditaduras -e concretamente sobre o Franquismo-, cuestiona a proposta da Xunta de facer do pazo un "faro da igualdade" articulado contorna á figura de Pardo Bazán, unha medida que cualificaron de "cortina de fume" para tentar "neutralizar e minimizar" os posibles usos do inmoble vinculados á memoria histórica. 

"É a mesma operación que a Xunta fixo para desmantelar a Illa da Memoria", criticou Bará, após sinalar que este intento do Goberno de Feijóo para "blanquear o Franquismo" carece ademais de rigor e de seriedade, dado que xa existe un centro de estudos e investigación sobre a escritora galega na Casa Mueso Pardo Bazán, sede da Real Academia Galega 

O BNG propón converter o Pazo de Meirás nun centro de recuperación...
Comentarios