O BNG pide á RAE unha desculpa pública por "deturpar" a toponimia galega

A deputada Olalla Rodil criticou ante a sede da Real Academia Española, en Madrid, a "pasividade" da Xunta e da RAG 

Olalla Rodil e un grupo de militantes do BNG, ante a sede da RAE. EP
photo_camera Olalla Rodil e un grupo de militantes do BNG, ante a sede da RAE. EP

A deputada do BNG Olalla Rodil pediu aos responsables da Real Academia Española (RAE) da Lingua unha desculpa pública por "deturpar a toponimia" galega e esixiulles que cumpran a lei vixente. 

Rodil pronunciouse deste xeito ante a sede da RAE, en Madrid, onde lembrou que a Lei de Normalización Lingüística aprobada unanimidade no Parlamento galego en 1983 establece que "a única forma legal e oficial da toponimia do país é en galego, porque é a súa lingua orixinal e xenuína". 

A pesar deste marco legal, o Bloque denuncia a "pertinaz actitude de deixamento e de falta de respecto" da Real Academia Española (RAE) tanto cara á lexislación galega como cara ao idioma do país, sinala a formación nacionalista nun comunicado, no que lembra a polémica xurdida hai uns días nas redes sociais da institución. 

"O BNG non está disposto a deixar pasar por alto nin unha soa falta de respecto máis ao país e ao noso idioma", indica a deputada galega no escrito que entregou na RAE acompañada de militantes da formación.

Segundo a deputada, o BNG tomou esta iniciativa pola "pasividade absoluta por parte de quen deberían ser os primeiros valedores da lingua", incide a deputada nacionalista en alusión á Xunta e á Real Academia Galega. 

Segundo Rodil, o argumento esgrimido pola RAE, que atribuíu a unha tradución o uso de topónimos distintos aos oficiais, "non se sostén (...) non é máis que un despropósito que vulnera a lei de normalización lingüística". 

Comentarios