sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

O BNG lanza unha campaña para reclamar un modelo eólico "sustentable e xusto"

Noa Presas. BNG
Noa Presas. BNG

Noa Presas defende que este "boom" de proxectos "está pensado para enriquecer ao gran oligopolio eléctrico"

O BNG lanzará unha campaña a nivel social e político para rexeitar o "espolio" eólico de Galicia e reclamar, á súa vez, un modelo alternativo que "sexa sustentable, xusto e reverta en beneficio das galegas e os galegos". 

En concreto, consistirá nunha ofensiva de iniciativas institucionais, de mobilizacións sociais e de encontros informativos cos que os nacionalistas reivindicarán unha nova lexislación e un novo plan sectorial que "ordene o territorio" e "blinde aquelas zonas que deben estar libres de eólicos". Para iso, tal e como propón o BNG nun comunicado, ampliarase a 'Rede Natura' e paralizaranse aqueles proxectos que lle afecten. 

Ademais, co obxectivo de obter "un retorno xusto que compense o impacto ambiental e social" dos parques, o Bloque avoga pola participación pública no sector a través dunha empresa galega de enerxía e unha tarifa propia que "abarate a factura". 

"Non imos parar porque nin este espolio nin esta depredación son admisibles. Hai alternativa e desde o BNG continuaremos a defendela", asegurou a deputada autonómica Noa Presas. 

Segundo as súas palabras, Galicia vive nestes momentos un desenvolvemento "sen precedentes" de novos proxectos eólicos "sen planificación, sen un axuste ás necesidades ambientais e sociais" e "sen o máis mínimo consenso". 

E é que este "boom eólico", tal e como o cualificou Presas, "non está pensado en beneficio dos intereses galegos, senón para enriquecer ao gran oligopolio eléctrico". 

Mentres tanto, a nacionalista reprocha o "papel consentidor" do Goberno central e a actitude da Xunta de Alberto Núñez Feijóo, que "está a impulsar numerosos cambios legais para aplanarles o camiño ás compañías eléctricas, mentres se perde biodiversidade e se perden oportunidades (...) de que esta enerxía reverta no país".

A TERRAZA DE SADA. Por outra banda, o BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa para reclamar ao Estado a cesión do edificio modernista da Terraza de Sada ao Concello, ademais de pedir as obras de restauración e conservación necesarias. 

Esta infraestrutura, situada en dominio público marítimo-terrestre, estaba cedida en concesión administrativa ata que a súa prórroga "foi denegada" en febreiro de 2021 -explica o Bloque- por alcanzar o máximo de 75 anos permitido. 

"Pero o que tamén propón a Dirección Xeral (de Costas), dado o valor das instalacións declaradas como BIC, é que se manteña a infraestrutura, aínda que non se poida prorrogar a concesión. Así, ese ben pasaría a ser propiedade do Estado", destaca Rego, á vez que insta a iniciar conversacións co Ayuntamiendo de Sada para negociar unha posible cesión e un convenio de usos públicos "compatibles cun adecuado mantemento". 

O BNG lanza unha campaña para reclamar un modelo eólico...
Comentarios