miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

O BNG insta a Maroto á intervención pública de Alcoa

Néstor Rego, no Congreso.J.J.GUILLÉN (Efe)
Néstor Rego, no Congreso.J.J.GUILLÉN (Efe)

Reclamou unha nacionalización da planta e un plan de reindustrialización de Galicia

O portavoz  do BNG, Néstor Rego, presentou no Congreso unha Interpelación urxente á Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para que expuxese as medidas que prevé o Goberno para dar solución á crise industrial en Galiza.

“A situación de crise industrial que vive o noso país, Galiza, é consecuencia das políticas realizadas –por acción ou por omisión– por quen ten a responsabilidade de gobernar” salientou Néstor Rego, que repartiu as responsabilidades entre o Goberno do Partido Popular e de Núñez Feixóo na Xunta de Galiza, "que abdicou de realizar calquera tipo de política industrial realmente relevante, a pesar de ter as competencias" e o Goberno español que, ademais de manter importantes competencias en materia industrial, "reserva para si a competencia exclusiva sobre o sector enerxético".

No contexto da crise industrial en diferentes sectores, a situación de Alcoa centrou boa parte do debate. Rego cualificou a situación da planta de San Cibrao como altamente preocupante e que exixe solucións urxentes, especialmente despois de que na Mesa multilateral realizada neste martes, 23 de xuño, non houbese ningún acordo. O deputado nacionalista considerou o plan presentado polo Ministerio como "un punto de partida, mais que necesita dúas premisas: a aceptación por parte de Alcoa e a concreción urxente dos mecanismo de implementación” explicou.

Precisamente por iso, Rego considerou que, se a empresa se mantiver na negativa a negociar ou a vender, só fica como alternativa a intervención pública para a nacionalización da planta de forma que se garanta a continuidade da actividade e dos postos de traballo. "O BNG defende esta solución desde a certeza de que non hai ningún impedimento legal para facelo e de que depende só da vontade política do goberno. Os traballadores e traballadoras de Alcoa, a comarca da Mariña e Galiza, non entenderían que, existindo solucións non se puxesen en marcha. Para o BNG, superar esta profunda crise industrial e lanzar un Plan de reindustrialización de Galiza é fundamental para o noso futuro” destacou o deputado nacionalista.

Néstor Rego abordou tamén a situación da antiga Alcoa A Coruña, agora Alu Ibérica, sobre a que pende tamén a incerteza tras a venda "fraudulenta" a Parter -"que non cumpriu os comrpomiso en relación ao plan industrial"- e posteriormente ao Grupo Riesgo, ao que cualificou como "de dubidosa traxectoria". O deputado nacionalista defendeu que, tamén neste caso e se os novos investidores non ofrecen garantías de estabilidade da actividade na Coruña, é precisa a intervención pública da empresa. 

Por outra parte Néstor Rego instou o Goberno español a cumprir o seu compromiso coa industria electrointesiva do noso país e a aprobar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo que realmente supoña unha solución para o sector, é dicir, que garanta un prezo estable e asumible. “É necesario mellorar o borrador presentado, actuando sobre a peaxe de transporte -polo menos no caso das Comunidades produtoras excedentarias como Galiza, aí está a proposta do BNG dunha Tarifa Eléctrica Galega-, cunha bonificación de 100% e tamén coa suba ao 100% as bonificación dos cargos xa previstos e complementariamente elevando ao máximo permitido a compensación por CO2” salientou o deputado nacionalista.

O BNG insta a Maroto á intervención pública de Alcoa
Comentarios