O BNG esixe paralizar a implantación de eólicos noruegos en Galicia

Néstor Rago sostén que a solicitude de autorización da compañía Statkraft para desenvolver tres proxectos que afectarán o interior da Galicia debería xestionarse de forma única
Néstor Rego. FERNANDO VILLAR (Efe)
photo_camera Néstor Rego. FERNANDO VILLAR (Efe)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixiu este martes paralizar os trámites administrativos iniciados polo Goberno de Noruega para montar tres "megaparques eólicos" en Galicia a través da sociedade estatal Statkraft.

O BNG rexistrou no Congreso senllas iniciativas para paralizar este proxecto que suporía a construción de 81 aeroxeradores en Ourense e O Bierzo entre os anos 2023 e 2025.

Nun comunicado, o deputado nacionalista remarca que a solicitude de autorización da compañía nórdica Statkraft para comezar a desenvolver os tres proxectos afectarán o interior da Galicia, particularmente Ourense, Lugo e o Bierzo debería ser xestionada de forma única.

Neste sentido, apunta que "tanto a localización, a dimensión, como a proximidade e mesmo o feito de que deberán compartir evacuación e que o desenvolvemento duns está vinculado aos outros fan que se deba considerar como un único proxecto" polo que solicitalo como tres operacións diferentes indica un proceder fraudulento.

A fragmentación dun Parque Eólico, insiste, "é unha práctica fraudulenta" e xa hai xurisprudencia respecto diso posto que "en Galicia pódense citar distintos casos en que se presentan estudos de Impacto Ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evitando unha avaliación global de todo o proxecto para eludir as garantías exixibles".

Así as cousas, a formación nacionalista reclama descartar a implantación do proxecto pola "grave e irreversible afectación sobre a calidade paisaxística, a fraxilidade e a vulnerabilidade ambiental nas fases de construción, explotación e desmantelamento" xa que se estarían vulnerando "as directivas europeas e as normas estatais e galegas en materia ambiental e ocasionando un grave prexuízo aos intereses ambientais, económicos e sociais do territorio e das súas comunidades".

Neste sentido, Rego reprocha que a actual regulación non permite "unha planificación enerxética racional e consensuada" no marco da transición enerxética, e tampouco permite regular a adecuación da localización e tamaño ás características do territorio.

Por iso, insiste en que é necesario "introducir aspectos correctores de xustiza social nos procedementos para a adxudicación de potencia eólica mediante concurso, con criterios de retorno social, económico, innovador ou similar, de forma que se asegure que estes proxectos supoñan progreso social para o conxunto da poboación, favorecendo a consideración da enerxía como un ben público no lugar dun ben especulativo".

Neste sentido, o BNG reitera a súa petición para crear mecanismos correctores para que a produción enerxética reverta nun abaratamento da factura para os territorios produtores de enerxía e, como no caso galego, excedentarios.

Comentarios