Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

O BNG elixe a Goretti Sanmartín e Francisco Jorquera como candidatos ás alcaldías de Santiago e A Coruña

De izquierda a derecha, Jorquera, Xosé Luís Rivas 'Mini', Ana Pontón, María Xosé Bravo y Goretti Sanmartín.AEP
De izquierda a derecha, Jorquera, Xosé Luís Rivas 'Mini', Ana Pontón, María Xosé Bravo y Goretti Sanmartín.AEP

Con Lores, Arroxo e Rivas perfilados como candidatos en Pontevedra, Lugo e Ferrol, o BNG pretende anunciar os de Ourense e Vigo antes do 25-X 

Goretti Sanmartín e Francisco Jorquera serán os candidatos do BNG ás alcaldías de Santiago e A Coruña, respectivamente, nas eleccións municipais do próximo ano. As localidades coruñesas celebran na tarde noite do venres as súas asembleas, nas que os militantes frontistas referendarán a Sanmartín e Jorquera como cabezas de lista para os comicios da próxima primavera. 

Os nomes da vicepresidenta da Deputación da Coruña e o do presidente da Fundación Galiza Sempre son os escollidos pola dirección nacional do Bloque e, previsiblemente, serán referendados polas asembleas locais da formación frontista. Así, Sanmartín substituirá ao actual portavoz do BNG en Santiago, Rubén Cela, candidato nas dúas últimas citas electorais e que hai dúas semanas anunciou que non repetiría o próximo ano por motivos "exclusivamente" persoais. 

Á súa vez, o candidato do BNG á Presidencia da Xunta nas autonómicas do ano 2012, Francisco Jorquera, encabezará a lista coa que os nacionalistas tratarán de mellorar o resultado obtido na cidade herculina no ano 2015, cando tan só lograron unha acta de concelleira, ocupada por Avia Veira.  Deste xeito, a formación que lidera Ana Pontón continúa co proceso de elección de candidatos para as municipais, que espera ter definidos antes do 25 de xullo, polo menos nas sete principais cidades. 

Así, confirmado que Miguel Anxo Fernández Lores aspirará a lograr o seu sexto mandato en Pontevedra e que Rubén Arroxo e Iván Rivas encabezarán de novo as listas de Lugo e Ferrol, respectivamente; coa elección de candidatos na Coruña e Santiago tan só faltan por despexar as incógnitas de Ourense e Vigo, onde o BNG quedou sen representación na última cita coas urnas.

SANMARTÍN E JORQUERA. Profesora universitaria e doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa, Goretti Sanmartín —A Estrada (Pontevedra), 1964— é coordinadora da Executiva nacional do BNG. Ademais, é edil no Concello de Santiago desde 2015, ano no que se converteu en vicepresidenta da Deputación da Coruña grazas ao pacto de goberno entre socialistas e nacionalistas. 

Francisco Jorquera —Ferrol, 1961—, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, foi elixido senador por designación autonómica no ano 2005 en substitución de Anxo Quintana. Tres anos máis tarde logrou un escano no Congreso logo de encabezar a lista do BNG nas eleccións xerais de 2008, resultado que repetiu en 2011. 

Jorquera retornou a Galicia para optar á Presidencia da Xunta nos comicios autonómicos de 2012, nos que o BNG caeu até os sete escanos. Ostentou a portavocía parlamentaria durante a pasada lexislatura e, ao termo da mesma, anunciou a súa renuncia a ir nas listas electorais. Desde entón, preside a Fundación Galiza Sempre, ligada á formación frontista. 
 

O BNG elixe a Goretti Sanmartín e Francisco Jorquera como...
Comentarios