Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

BNG e En Marea ven "inaceptables" as posibles represalias de Ferroatlántica

Una de las protestas convocadas por el comité de empresa de Ferroatlántica
Una de las protestas convocadas por el comité de empresa de Ferroatlántica
Ana Pontón apunta que a compañía pensa que "Galicia é a súa leira particular", mentres Villares di que a súa formación estará "vixiante"

O BNG e En Marea lamentan que Ferroatlántica poida adoptar represalias en reacción á denegación por parte da Xunta da solicitude de segregación coa que pretendía a venda de centrais hidroeléctricas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "lamentable" a reacción de Ferroatlántica tras coñecerse a resolución da Administración galega coa que amenazou coa "precarización" dos 533 empregos na Costa da Morte e en Sabón (Arteixo).

"Pensa que Galicia é a súa leira particular, ameazándonos porque non lle permitimos unha venda que sería ilegal". Así se expresou este xoves Pontón en referencia ao comunicado no que a empresa avanza que recorrerá a resolución e no que asegura que a decisión terá consecuencias para os traballadores e para a comarca da Costa da Morte.

Con todo, a líder frontista chamou á "cautela" antes de coñecer "todos os detalles da resolución", que, na súa opinión, debe ser remitida ao Parlamento galego "porque é clave" que a decisión da Xunta "blinde" as centrais "e calquera intento de venda" para que a empresa "non tente conseguir por outras vías o que é evidente que non se pode facer".

Así mesmo, instou ao Goberno galego a esixir a Ferroatlántica que os beneficios que ofrecen as centrais hidroeléctricas sexan reinvestidos na comarca para "renovar as fábricas" e "crear emprego".

"Moitos dos recursos que está a ter Villar Mir (na Costa da Morte) directamente invístense fóra do país, en Madrid, en urbanizacións na Castellana", censurou.

Pola súa banda, En Marea asegurou que vixiará que "se cumpran todos os termos da concesión" a Ferroatlántica e considera "inaceptable" que a empresa poida adoptar represalias tras a decisión da Xunta.

En rolda de prensa, o portavoz de da formació, Luís Villares, criticou que "agora se poñan en cuestión postos de traballo e a viabilidade do plan industrial". Por iso, subliñou que a súa formación estará "vixiante" para que "se cumpra en todos os seus termos" a concesión, con especial fincapé na creación de emprego "con garantías".

Tras destacar que a decisión da Xunta respondeu á "mobilización social", Villares valorou que se "faga valer o correcto aproveitamento dos recursos naturais". Neste sentido sinalou que non se aceptarán "chantaxes nin represalias" por parte da empresa. Así, insistiu en que cumprir a concesión significa "postos de traballo", garante viabilidade e que se cumpran o plan industrial.

BNG e En Marea ven "inaceptables" as posibles represalias de...
Comentarios