O BNG denuncia os atrasos nas axudas da Xunta para limpar franxas de seguridade forestais

Pontón cre que o Goberno galego é "incapaz" de tomar as medidas necesarias para que non se repitan episodios como o da vaga de incendios do pasado outubro 

Ana Pontón. PEPE FERRÍN
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN

A líder do BNG, Ana Pontón, denunciou este luns a "relaxación" da Xunta fronte ao "maior problema ambiental de Galicia" en tanto que aínda non achegou "nin un só euro" para axudar aos concellos nas limpezas das franxas.

O Goberno galego aprobou hai un mes a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), coa que busca implicar aos propietarios de terreos, a quen sancionará con multas de ata 3.000 euros se non realizan tarefas de limpeza nas súas leiras antes do 31 de maio.

Por iso, Pontón denunciou que "a pesar dos anuncios os concellos, que están asfixiados economicamente, aínda non teñen nin un só euro para pór as franxas de seguridade", no caso de que as leiras non teñan propietario.

"E iso a menos de quince días de que acabe o prazo para que as franxas de protección estivesen operativas", reiterou Pontón que lamenta a "calma abraiante" do Executivo autonómico.

Así mesmo, demandou que a Xunta incremente as partidas orzamentarias destinadas a este fin, ademais de "reformular o dispositivo" do Pladiga, que este ano se repite en canto a efectivos dispoñibles.

Neste sentido, cargou contra "o abandono programado" do rural galego e que terá graves consecuencias para o territorio da comunidade porque "todos os estudos din que o cambio climático afectará a Galicia de maneira relevante".

"Ante un reto tan importante vemos a unha Xunta en modo relax", criticou a portavoz do Bloque que cre que o Goberno é "incapaz" de tomar as medidas necesarias para que non se repitan episodios como o da vaga de incendios do pasado outubro que se cobrou a vida de catro persoas.

"Lamentablemente parece que non tomou nota", expuxo Pontón que cre que a loita contra os incendios é un "reto de país, complexo" e que precisa que "o PP tome nota xa e abandone a política de relaxación na que está instalado".

Mentres tanto, "a única proposta segue ser apostar por máis eucaliptos", o que cualificou de "disparate" porque na actualidade xa se superaron as hectáreas previstas.
 

Comentarios