A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a súa formación porá en marcha "unha ofensiva social e institucional" co obxectivo de abaratar a factura da luz e lograr unha compensación a Galicia pola súa condición de zona altamente produtora de electricidade.
Neste sentido, lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se atope "desaparecido" en lugar de "plantarlle cara" aos privilexios das compañías e anunciou que o BNG levará ao primeiro pleno da Cámara, en canto se retome a actividade parlamentaria, unha proposición de lei para impulsar unha tarifa eléctrica galega.
Pontón denunciou de novo, en conferencia de prensa, a "estafa que supón" a factura da luz, "asfixiando as economías familiares, as pequenas e medianas empresas" e os autónomos tras rexistrar "máximos históricos" unha e outra vez desde o mes de xuño.
O BNG apunta directamente ao Goberno central e á Xunta como "cómplices necesarios" dos intereses do 'lobby' eléctrico e dunha "cobiza" dunhas empresas "que están a facer caixa no medio dunha crise económica e social sen precedentes", cunha das facturas da luz "máis caras de toda Europa".
Todo iso despois de favorecer un cambio na factura "que encarece máis o prezo da electricidade", mantéñense leis "a medida do oligopolio enerxético" ou se promove "un boom eólico depredador" en Galicia que é unha "bomba para o medio natural e rural", mentres as contas das compañías se saldan con beneficios millonarios.
"Teñen un asento permanente no Consello de Ministros e no Consello da Xunta", criticou, que achacou tamén ás "portas xiratorias" e á incorporación de políticos aos consellos de administración "con sueldazos desorbitados", que non se producen "a cambio de nada".
"O caso galego é moito máis aberrante", advertiu, tras lembrar que a comunidade leva "décadas soportando os custos sociais e ambientais de producir electricidade" sen os beneficios correspondentes e a pesar de contar con "miles de empregos en risco" polo custo da enerxía.
Neste marco, o balance, sinalou, é que o territorio contou con dúas centrais térmicas, máis de 4.000 aeroxeradores ou 155 centrais hidroeléctricas, onde se producen prácticas como o "baleirado" de encoros "para facer mais caixa" por parte das eléctricas sen que isto se traduza "en ningunha sanción sobre a mesa".
No primeiro pleno de setembro
É por iso que o BNG insiste en impulsar unha tarifa eléctrica adecuada a estas circunstancias, do mesmo xeito que os países da contorna como Suecia, Noruega ou Alemaña contan con tarifas diferenciadas para zonas produtoras.
"Desde o BNG nin nos resignamos nin tiramos a toalla para plantarlle cara aos privilexios das eléctricas", sinalou, para o que defenderán unha proposición de lei para impulsar esa tarifa propia e darase continuidade á "ofensiva" iniciada e que se saldou con máis de 23.000 firmas de apoio a esta iniciativa.
A iniciativa defenderase no primeiro pleno da Cámara galega, a primeira proposta que levará esta formación en canto o Parlamento retome a súa actividade habitual.
"Espero que o señor Feijóo, que leva todos estes meses desaparecido nun debate crucial para Galicia, polo menos non vete esta iniciativa", resolveu, co fin de sentar as bases desta proposta "canto antes".