Biocombustible galego a partir de vermes

Vermes de laboratorio (Foto: AGN)
photo_camera Vermes de laboratorio (Foto: AGN)

Un estudiante de bioloxía da USC, Alfredo Llecha Galiñanes, conseguiu obter o primeiro aceite non vexetal que posúe as mesmas características que o aceite de oliva. A non presenza de metais pesados nin doutros compostos novicos fan deste aceite de orixe animal un candidato ideal para a xeración de biodiésel e de lubricantes de alto rendemento ou noutros campos como a alimentación animal e incluso a mediciña. Para conseguilo, baseanse nun método que utiliza invertebrados como biorreactores.

De acordo co doutor Cert, do Instituto da Grasa de Sevilla -dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC)-, as mostras analizadas permiten comprobar que un gramo de grasa do produto ten practicamente o mesmo poder calórico que un gramo de gasóleo de automoción.

Cambio de mentalidade
A novidade que introduce Alfredo Llecha na consecución de combustibles procedentes de aceites animais supón un profundo cambio de mentalidade. Asegura que dende sempre se tentou aniquilar ós animais máis pequenos, competidores na cadea alimenticia, o que derivou no descubrimento de grandes pesticidas que tiveron profundas consecuencias para o medio ambiente ou a sáude humana.

Isto non sucede en países orientais como Tailandia, onde Alfredo Llecha estivo montando varias piscifactorías con tecnoloxía occidental. “Alí a vida respétase, por pequeño que sexa o animal”. Llecha non entendía ó principio como ducias de cascudas podían pasear tranquilamente polas casas. “Despois duns meses comprendín que era un pacto tácito. As cascudas eliminaban os restos de comida e outros invertabrados máis pequenos. Eran os recicladores domésticos”

Observacións como esa levárono á posibilidade de usar invertebrados como recicladores naturais. Esta teoría, que el mesmo recoñece que é “unha suposición indemostrable”, sustentaríase en que o petróleo proveña de invertebrados, que foron a maior biomasa existente na terra despois dos vexetais. “Que o petróleo proceda de vexetais é un pouco máis complexo”, explica, “porque a transformación de celulosa en hidrocarburo é moito máis difícil, e a Natureza réxese pola lei do mínimo esforzo”.

Vermes en lugar de bacterias
Precisamente, hai invertebrados que comen celulosa e o resultado é un ser vivo composto de proteínas, aceites e outros elementos. Os científicos empregan maoiritariamente bacterias e levaduras para facer esta transformación, pero este investigador galego introduce o traballo con macroorganismos.

Se se lograsen replicar as reaccións bioquímicas que se producen no interior dun ser vivo, poderíase transformar celulosa en aceite, ou azúcar en proteínas, pero, como se apresura a puntualizar Llecha, "estamos moi lonxe de replicar esa reacción bioquímica nun tubo de ensaio, por iso hai que deixar que os invertebrados o fagan por nós".

Ademais, como os invertebrados non precisan luz solar, poden ser cultivados de forma controlada en calquera sitio, "desde o aire libre ata no fondo de pozos ou minas abandonas", asegura Llecha.

Da man do profresor José Antonio Rodríguez Añón, Llecha xa iniciou o proceso para patentar o uso de invertabrados para producir proteínas para a acuicultura e un novo produto que podería terminar empregándose para a alimentación animal ou como biodiesel.

Comentarios