Besteiro: ''La política implica liderazgo y los técnicos están para otras cosas''

José Ramón Gómez Besteiro é o primeiro socialista en presidir a Deputación de Lugo desde ''os romanos'' e o seu nome ten sonado como posible fichaxe para a política galega. Propón buscar novos sectores de riqueza para Lugo e augura un bo resultado nas eleccións municipais para o socialismo.

Pregunta:
Como recibiron en Lugo o cambio de goberno tralo 1-M?

Resposta:
O cambio de goberno non ten que supoñer un atraso e se o supón, a deputación mandará que non se produza. É unha situación distinta para os próximos catro anos, pero temos que seguir desenvolvendo dende Lugo os proxectos que estaban en marcha. Non o vexo como un atranco sempre que a liña siga a actuación da Xunta nos últimos catro anos en cuestións como a transferencia da rede viaria, seguir co impulso do equilibrio territorial especialmente en conexións, como a Transcantábrica, a autovía Lugo-Santiago, Lugo-Ourense.

Temos o obxectivo de que ningún concello quede a máis de 20 minutos da vía de alta capacidade. Esperemos que a contestación da Xunta sea positiva e se non hai voltas para atrás e se sigue para adiante, teremos unha relación extraordinaria. Esa é a miña vontade.

P:
Que reflexión lle merece o 1-M?

R: O feito que non ten volta atrás e que nós non vamos estar no goberno os próximos catro anos. A resposta do PSOE foi a esperada dun partido adulto, pero vai volver ser goberno na Xunta e hoxe é goberno en concellos, deputacións e no Estado. Imos facer unha oposición seria, construtiva, responsable, dura cando teña que ser dura e asumindo un papel que, por exemplo, non vimos en Rajoy. O PSOE presentará propostas, porque quen non concreta desde a oposición non é capaz de gobernar.

''Non hai períodos blindados''
P:
As forzas do bipartito teñen aos seus Vázquez pero, cambiarán as dinámicas, as coalicións? Que agarda deles?

R: Vou falar do meu Vázquez, Pachi. Eu vin no congreso que tiven a honra de presidir a unha persoa moi apegada á nosa base social, ao afiliado. Interioriza o discurso pero desdramatiza a situación actual e eu véxoo con moita ambición e ilusión. Ademais, coñece perfectamente ao galego e ao socialista galego. Eu vexo un secretario xeral moi potente e con moita capacidade, e estou seguro de que fará un papel extraoridnario. Pero as eleccións non afectan á deputación, eu creo que en nada.

Podemos trasladar aos lucenses feitos, saen as cousas para adiante e isto é fundamental. Teño moi boa relación con eles e non vou queixar. Ata afora foi ben e as cousas importantes saíron para adiante. A metade do mandato, temos feitas ou a piques de facer as cousas que comprometimos, e agora presentaremos o plan estratéxico por primeira vez, para pasar dunha provincia deslabazada a unha provincia que quere traballar en claves de modernidade.

P: Que falla entón no concello para non ser viable unha coalición co BNG?

R: Son situacións distintas. Pero que non pense ninguén que o do 1 de marzo se vai alongar 12 anos. A política cambia e non hai períodos blindados. No caso de Lugo, hai unha realidade diferente. No 99 houbo un goberno de coalición, en 2003 un mandato con maioría absoluta e agora un goberno capaz de gobernar a piques da maioría absoluta.

Na Deputación de Lugo, logo de 25 anos de PP, a xente non entendería que non nos puxéramos de acordo para resolver os problemas. Non son nacionalista, son socialista, pero firmei un acordo para desenvolver determinadas cuestións e a partir de aí comezamos un traballo importante. Todo responde a un momento histórico e creo que a sociedade está preparada para alternancias e que os que estamos aí debemos saber que entramos, pero nun momento dado podemos saír.

Obxectivo: Monte Pío?
P: Tense falado de de Pachi Vázquez, José Blanco e incluso vostede como futuro candidato a presidir a Xunta. De cara ao futuro, pensa en dar o salto á política galega?

R:
Nin se me pasa pola cabeza. Entendo que a xente é libre de ter opinións, pero nós temos que empezar a disfrutar das situacións. Fai un mes que José Blanco é ministro e xa o colocamos de presidente da Xunta. Ten riqueza, intuición, finura política, sabe onde están os problemas e sabe corrixilos. Eu creo que Blanco será un gran ministro e que vai desmontar un vello lema dos que queren que os técnicos asuman un papel que non lles corresponde. É o momento de reivindicar a política.

P: Non confía na figura dos técnicos para dirixir un goberno?

R: En tempos de crise a política implica exercicios de liderado e os técnicos están para outras cousas. É o momento de que a xente reivindique a importancia da política e os políticos. E Blanco vai levar os ideais socialistas ao Ministerio. Disfrutemos deste ministro, que será bo para Galicia, e agora o que toca é que execute moita obra, en Galicia e en Lugo.

As posiblidades de Pachi Vázquez
P: E que di de Pachi Vázquez?

R: Véxoo moi forte, saíu fortalecido dun congreso e augúrolle un gran futuro. A política cambia nun ano, hai ciclos políticos, e se fai un momento Zapatero podía estar baixo, saíu fortalecido do debate do Estado da Nación. Eu creo que a situación se pode cambiar en catro anos e vou traballar para que se produza.

P: Dentro de catro anos, Vázquez sería un bo candidato a presidir a Xunta, ou opina que pode chegar queimado da oposición?

R: Afronta a máis alta responsabilidade que pode asumir un socialista galego. É un traballo longo, ten que estar nos temas importantes de Galicia e traballar no seno do partido. Ese traballo non desgasta. E coñecendo a Pachi, véxoo ilusionado. No debate non vin a Rajoy con ilusión, pero a Pachi non o vexo agotado, creo que vai ir a máis e que asume con responsabilidade seu posto.

Un socialista en Lugo... desde os romanos
P: E vostede, aparecerá na política galega?

R: Eu estou noutra carreira, noutra calle da piscina. Nós tamén estamos na vía de disfrutar de facer este traballo, adquirimos un compromiso por catro anos e as cousas non se poden deixar a medio camiño. Temos un compromiso con Lugo e eu son o primeiro socialista que preside a Deputación de Lugo dende os romanos. Por tanto, é un momento histórico de moita responsabilidade.

Dentro de dous anos, pasará o que teña que pasar, pero ata esa data, temos que cumprir coa folla de ruta que nos marcamos. Se miras a outros sitios non estás centrado. O que depare o futuro, xa se saberá, e ao mellor é un camiño distinto ao que un pensa, pero para que salgan ben as cousas hai que estar centrado, e eu estou centrado.

Superdelegada en Lugo
P: Non o descentra a figura dos superdelegados? Actuarán coma contrapoder?

R: Se exerce as competencias da Xunta non exercerá un contrapoder. Pero o de superdelegado, iso deberan dicilo os veciños. Non hai superpresidentes nin superalcaldes, e non hai superdelegados. O de super hai que demostralo despois. En Lugo é a delegada territorial da Xunta e non ten porque facer competencia á Deputación. Se o vai facer, creo que cometerá un erro. O dos delegados son cuestións que eu creo que non van funcionar, porque hai que dar unha responsta política ao que pidan os veciños, aos gandeiros... E non van consentir unha explicación técnica.

P: Que lle parece que sexa Raquel Arias?

R: Téñolle o máximo respecto e aprecio. A partir de aí, se a política é de confrontación a Deputación estará en contra, pero eu creo que non ten que ser esa liña. Eu deséxolle éxito polo ben desta provincia. E esperemos que en catro anos podamos dicir superdelegada. Na Deputación vai atopar colaboración, porque nós temos a estratexia política de compartir, porque é bo, sácanse cousas, e nós coa Xunta compartimos o Consorcio de Bombeiros.

Redefinición das deputacións
P: O PP plantexaba no seu último congreso a posibilidade de mudar o papel das deputacións, para que atendan aos concellos pequenos, unha vez constituidas as áreas metropolitanas. Que lle parece?

R: Se ese congreso serviu só para redefinir as deputacións, de pouco valeu. A deputación está moi volcada cos concellos pequenos, pero o que pode e debe plantexar a Xunta é un horizonte diferente para o mundo local, que son as deputacións e os concellos. E as deputacións están asumindo ese goberno intermedio que é, que está suplindo moítisimas deficiencias dos concellos. A deputación ten un papel constitucionalmente recoñecido e mentres estemos nelas e existan, traballaremos para que sexan útiles.

Se legalmente cambia a súa función, nos adicaremos ao que a lei marque, pero en todo caso nós xa nos estamos adicando aos concellos pequenos, pero non queremos perder o contacto coas cidades. A Deputación é útil para os veciños de Lugo. O importante é que a xente entenda que a Deputación debe ser o gardián do municipalismo. Os socialistas somos municipalistas e defenderemos o que supoña máis cartos aos concellos, porque é a administración máis útil.

P: Onde quedou a idea de suprimilas?

R: Para nós non foi unha prioridade, tiñamos outras como saldar débedas históricas e entrar nun funcionamiento que permita que a deputación sexa percibida como unha institución útil, non caprichosa. E eu creo que os concellos, á marxe de ideas políticas, teñen mellor percepción da deputación, e os cidadáns tamén. Creo que as cousas van razoablemente ben, o noso reto é traballar polo funcionamento dunha deputación moderna que afronta retos compartidos por toda a provincia.

Predición nas europeas
P:
Veñen as eleccións europeas, logo as municipais. Temen que siga o tirón do PP, como no 1-M?

R: A xente sabe distinguir eleccións e sabe o que quere. E a conclusión á que van a chegar é que quen máis defende o municipalismo e mellor xestiona os concellos, son os socialistas. Fai dez anos, en Lugo, entrábase entre berzas. Agora, non, e hai maior oferta cultural, mellor dotación de servizos sociais, máis campos de fútbol de herba artificial...

Estou convencido de que nós imos ter un bo resultado. E pode haber cambios nas municipais, pero o PSOE está gobernando ao 65% da poboación de Lugo e temos que seguir nesa liña. Quedan dous anos para seguir consolidando proxectos e para que os alcaldes podan facer un bo traballo.

Visión local da recesión
P: Pasará factura a situación económica? Como a afronta Lugo?

R: Estamos a vivir un momento moi complexo e o plan estratéxico dará un diagnóstico de como estamos e de que debemos facer. En setembro deste ano estaremos en situación de telo, e os orzamentos de 2010 recollerán as consignas de cara onde debe ir orientada a nova oferta de fondos europeos. Este documento non será a solución de todo, porque haberá unha caída de recursos porque cae a recaudación, e hai menos a repartir se baixan os ingresos en concellos e deputacións.

Pero hai unha tímida noticia positiva, un aumento de poboación, do que loxicamente eu non son responsable, pero o problema lácteo é un problema real, sobre todo en Lugo. Se é un mundo estratéxico para Galicia, en Lugo si que é super. É o noso ladrillo, un dos números capitales, porque hai un 14% de xente afiliada á Seguridade Social na faceta de autónomo ou traballador por conta allea en explotación agraria. En Coruña baixa ao 3% e en Lugo e Pontevedra ao 2%-. Por iso estamos expectantes das decisións que se van tomar. A madeira, o leite, o agro e a pesca son importantes, pero temos que abrir as perspectivas a outras capacidades, temos que coller novos aspectos de riqueza.

P: Como o farán?

R: A situación de Lugo cambiará cando rematen as autovías en execución. Empezamos a ter comunicacións cara o Cantábrico e o sur, cara Portugal, Iso cambia a posición das mercancías ea distribución, e é un mundo a ter en conta de pontenciar. Sabemos que o AVE chegará a Ourense nunhas datas determinadas, que concretará o ministro de Fomento, en Ourense e Lugo vaino facer a Xunta, porque o prometeu en campaña.

Temos que facer referencia ao mundo pesqueiro e portuario da Mariña e entrar de cheo na riqueza do medio ambiente. É un potencial que hai que abrir, temos unha provincia de grandes contrastes, únicos en España, e temos que polo en valor como riqueza. No sector lácteo, nós non podemos dar axudas relevantes aos gandeiros, pero axudamos con determinadas decisións que non supoñen moito aforro, pero axuda, como o centro de recría. Os gandeiros teñen que pensar en enerxías renovables e en facer menos costosas as explotacións.

A crise láctea
P: A situación do sector lácteo é coxuntural, pola crise, ou é agónica?

R: Eu creo que o tema do leite ten percorrido, porque España segue producindo menos do que se consume. Países do entorno, coa crise dos cereais, miraron doutro xeito o mundo gandeiro. Melloráronse as explotacións gandeiras en Lugo e hai que apostar, nesta provincia, por un sector que é o Citroën para Vigo.

Os políticos deben ser conscientes e loitar por manter este sector estratéxico. E cando hai un conflicto como o de Pascual, a Xunta ten que estar aí. Ten que ir o conselleiro para falar, ver se hai solución. É o momento dos políticos, axudados polos técnicos, pero os primeiros han de marcar a dirección política. Eu pido ese compromiso político.

P:
Respecto dos emigrantes, que proxectos ten a deputación de Lugo coa diáspora.

R:
Nos próximos meses faremos unha desprazamento ao exterior e na primeira viaxe gañamos en comunicación coa nosa comunidade. Moitos non desexan volver, pero esixen respecto e que sexamos capaces de ter unha relación intelixente con eles, non subsidiada ás eleccións. Creamos a Casa do Emigrante en Viveiro, para centralizar o mundo da emigración e da inmigración. Damos subsidios, si, pero se esta provincia non é capaz de axudar a 15 descendentes de lucenses para que teñan atención, non merecemos nada.

Na educación axudamos a rapaces nun mundo onde a educación non é igual que a galega. En Venezuela participamos co foro dos empresarios e hai máis iniciativas. Tivemos éxito nun programa de formación no estranxeiro. É incrible os contactos que se xeran. E temos en marcha un proxecto de sucesión de empresas, porque as familiares pérdense na terceira xeración. Estamos levando o programa en Arxentina e aquí, para non perder a capacidade de xente de éxito que nos pode ser moi útil.

Comentarios