jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

Bescansa e Gómez-Reino contan ás súas impresións antes das primarias de Podemos

Antón Gómez-Reino e Carolina Bescansa. EP
Antón Gómez-Reino e Carolina Bescansa. EP

Un dos dous converterase no líder da formación morada en Galicia, algo que decidirán as súas bases

Carolina Bescansa: "Temos un equipo forte e un proxecto moi claro para darlle unha volta a este país"

Vese favorita?
Non creo que se deba falar de favoritos. Eu teño un equipo moi forte, un proxecto cunha folla de ruta moi clara e moita ilusión e interese.

Convénzame para que a vote.
Pois a nosa candidatura ten algunhas propostas moi claras para Galicia: unha transformación do tecido produtivo para engadir valor á economía, abandonando o modelo de competir polo prezo á baixa e apostando por unha transición enerxética. É o único xeito de mudar o noso mercado de traballo para xerar esa transformación que permita crear emprego de maior calidade.

Non parece moi doado; está falando de darlle a volta ao país.
Si, é darlle unha volta a Galicia, pero a maior parte da xente ten moita vontade de facelo. E iso precisa pór fin ás prácticas caciquís e corruptas que se teñen apoderado da estrutura da Administración desde hai décadas, unhas políticas de favores e amigos que constitúen o maior muro para aplicar outras políticas distintas, as de mérito e capacidade.

Acusárona de ‘paracaidista’ e ‘pouco galega’. Unha proba: coñece os 14 deputados autonómicos de En Marea?
Persoalmente non a todos. E agora pola noite e conducindo igual esquezo algún, pero pola mañá seguro que os sabería todos [ri].

É unha campaña limpa?
Ten arrancado con dificultades, pero confío en que remate mellor do que comezou. 

"Esta candidatura ten un peso feminista nunca visto no Estado, e non só por levar mulleres nos dez primeiros postos"

Falou estes días co seu rival?
Si, teño falado moito con Tone, desde o mesmo momento de presentación da asemblea.

Entón, hai ‘bo rollo’?
Si, claro. Somos compañeiros no mesmo proxecto político; éramos antes, somos agora e seremos despois deste proceso. Teño unha relación moi cordial con Tone.

Ve entón posible un Podemos Galicia unido despois do día 25?
Claro. Ademais, penso que a principal responsabilidade para construír esa unión dentro das organizacións, e non só políticas, correspóndelle a quen gaña, que é quen debe liderar e sumar.

Que lle di a quen a acusa de usar Galicia para relanzarse en Madrid?
Que é unha falla de respecto ás inscritas e inscritos en Galicia, tendo en conta a gravidade dos problemas que teñen de desemprego, precariedade, despoboamento, perda de dereitos en sanidade e educación, falla de futuro... Dicir iso é non querer atender estes problemas e non facer debates e propostas sobre eles.

Teme que a súa distancia con Pablo Iglesias lle pase factura?
Gustaríame moito que as facturas que teña que pagar a nivel político teñan que ver coa miña proposta para Galicia e non con outras cousas. Ao mellor se faláramos máis deste tipo de facturas e non de outras, Feijóo xa non era presidente da Xunta.

Fala da Xunta. Vese candidata?
Por agora son candidata á secretaría xeral de Podemos Galicia e o que me gustaría é asistir a un proceso de moita participación e que deamos exemplo; que sexan os inscritos os que decidan.

Está Podemos demasiado diluído dentro de En Marea?
A nosa relación cos nosos aliados ten que intentar que todos sexamos máis fortes e acumulemos máis forza para o cambio politico. O que lle dá forza a Podemos Galicia tamén llo dá a En Marea.

Dereito a decidir?
Por suposto. Non debe haber ningún ámbito sen someter á lei e ao principio democrático.


Antón Gómez-Reino: "Podemos Galicia non pode dirixirse vindo as fins de semana"

Vese favorito?
Non sei quen é favorito. Nós temos feito o traballo necesario e imprescindible para trasladar a nosa proposta para Podemos Galicia e para o país aos inscritos e aválannos os anos que levamos traballando aquí. Iso é fundamental e a partir de aí, que falen os militantes.

Convénzame para que o vote.
Penso que o mellor aval que temos é que somos xente que leva moito tempo participando nas dinámicas sociais en vilas, barrios e cidades de Galicia. E esta candidatura inclúe a xente da rúa, dos círculos, cargos públicos... xente que participa en todos os niveis da política. A partir disto, queremos un Podemos que deixe de falar para dentro e empece a falar cara a fóra. E tamén xeramos confianza, tanto na dirección política a nivel estatal como nos diferentes actores cos que temos que dialogar a nivel municipal e autonómico.

E que o distingue da súa rival?
Que esta é unha proposta pensada desde e para o país.

A campaña comezou cunha disputa sobre cal dos dous candidatos era máis galego. Unha proba: coñece vostede os 14 deputados de En Marea no Parlamento?
Se podo enumerar o listado? Claro que si [ri].

Está sendo limpa a campaña?
Aínda queda e agardemos que o sexa. Parécenos fundamental que este sexa un debate de ideas e proxectos, porque o resto é estéril politicamente falando.  

"A nosa candidatura conta coa confianza da dirección estatal, pero tamén dos nosos aliados a nivel local e autonómico"

Deulle algún consello Pablo Iglesias para esta aventura galega?
Pablo Iglesias, igual que calquera outro dirixente de Podemos, non dá consellos; en todo caso opinións.

E que opinou?
Sobre este particular nada. Falamos esta semana, pero de cuestións do grupo parlamentario.

Din que lle prometeu a vostede ser eurodeputado?
Agora mesmo o meu horizonte concreto pasa por dúas cuestións: traballar levando as demandas da ciadanía galega ao Congreso e dirixir Podemos Galicia a partir do día 25. Máis alá diso... Aínda que é evidente que creo que este país ten que ter proposta de acción exterior.

E vese candidato á Xunta?
Hai que ir pouco a pouco, solventando os problemas dos cidadáns e poñendo a andar Podemos Galicia.

Seguirá no escano se gaña?
É compatible, pero en todo caso, habería que ir vendo. Eu vivo no país e paso aquí a maior parte da semana, algo fundamental, porque Podemos non se pode dirixir as fins de semana.

Falou algo con Bescansa?
En varias ocasións, pero menos do que me tería gustado. Mantense a relación porque aquí non somos inimigos, senón aliados, e a partir do día 25 temos que raballar xuntos.

Ve un Podemos Galicia sen fendas?
Totalmente. A nosa candidatura é de encontro e desde o día 25 contaremos con todos, tamén con Carolina se decide facer política en Galicia.

Está Podemos moi diluído en En Marea?
Podemos debe ser o motor fundamental do cambio en Galicia, e iso implica reclamar o noso lugar pero tamén implicarnos en todos os espazos nos que participamos. Os nosos aliados agradecerán un Podemos forte.

Dereito a decidir?
Si, sobre todo o que estea na axenda política e social, evidentemente.

Bescansa e Gómez-Reino contan ás súas impresións antes das...
Comentarios