Beiras insta a todos os segmentos de En Marea a non "mirarse ao embigo" para "reactivar a rebelión cívica"

O histórico dirixente nacionalista chama a volver conectar "coa cidadanía"

Los exidirigentes políticos Xosé Manuel Beiras (Anova) (i) y David Fernández (CUP). XOÁN REY
photo_camera Os exdirixentes políticos Xosé Manuel Beiras (Anova) e David Fernández (CUP). XOÁN REY

O fundador de Anova e histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras, instou a "todos os segmentos" que integran En Marea a non "mirarse ao embigo" para volver conectar "coa cidadanía" e "reactivar a rebelión cívica". "Moitas veces, cando se fracasa fronte ao inimigo principal, como pasou na política institucional no outono de 2016 —en referencia ás eleccións autonómicas galegas— esa frustración xera impotencia para loitar contra o inimigo principal e empézalo ver ao teu arredor", manifestou. 

Beiras pronunciouse deste xeito antes de participar este martes en Santiago na presentación do Laboratorio de Ideas Láncara que Anova pon en marcha ao redor da figura do dirixente nacionalista para promover a cultura republicana e estudar as experiencias emancipadoras en todo o mundo. Antes de participar no encontro, Xosé Manuel Beiras tamén aproveitou para asegurar que construír a unidade popular é "moi difícil" cando os cadros políticos das organizacións que se "constrúen como ferramentas" para conseguir un espazo común "non entenden ben iso".

"A protagonista é a xente do pobo, hai que reactivar a rebelión cívica", proclamou.

LÁNCARA. Na súa intervención, o histórico dirixente nacionalista explicou que este Laboratorio de Ideas Láncara busca funcionar como "taller de ideas" para crear grupos de traballo que reflexionen sobre a realidade do país e as súas problemáticas, así como "facer un seguimento da traxectoria dos procesos políticos respecto deses problemas". "É un 'think tank' e non o facemos para Anova senón para a cidadanía", destacou Beiras, que considerou necesario conectar este foro co "tecido asociativo" e "polo ao servizo do movemento social", da "revolución cívica", de "unha alternativa das clases populares". 

"Procurarei facer de motor de arranque, son consciente de que o meu horizonte de vida útil é moi curto á miña idade e, por tanto, trátase de polo a andar e de ver se se consegue consolidar unha cultura de traballo en equipo, que é moi difícil neste país", asegurou Beiras. 

O histórico dirixente nacionalista participou na presentación deste laboratorio de ideas acompañado polo exdiputado da CUP David Fernández e arroupado polo líder de Anova, Antón Sánchez, e personalidades como o escritor e expresidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín. 
 

Comentarios