Beiras, cabeza de lista ao Senado?

Podemos quere que o histórico dirixente encabece a lista da confluencia á Cámara Alta pero Anova descártao

Xosé Manuel Beiras. EFE
photo_camera Xosé Manuel Beiras. EFE

Xosé Manuel Beiras deu por pechado en agosto de 2016 o seu periplo parlamentario. Fíxoo á vez que lle daba o seu aval a Luís Villares para encabezar a candidatura de En Marea á presidencia da Xunta. Dous anos e medio despois o seu nome soa para regresar á primeira fila, pero non por En Marea, a marca da confluencia que agora controla o villarismo, senón á fronte da coalición á marxe do partido instrumental que negocian Anova, Esquerda Unida e Podemos.

Precisamente a formación morada é a que, segundo varias fontes, lle ofreceu ao histórico dirixente nacionalista encabezar á lista ao Senado pola provincia da Coruña. Aos seus 82 anos, suporía a volta de Beiras á política institucional, da que en agosto de 2016 dixo sentirse "cumprido".

No entanto, desde Anova, a formación da que é cofundador, negaron este martes que a posibilidade estea enriba da mesa, malia que admiten que a proposta existiu. "A unidade popular precisa de xenerosidade e acordos, non de ruído mediático", explican fontes do partido consultadas por Efe.

A aparición do nome do confundador de Anova, a un mes e medio das eleccións xerais, ten varias lecturas: por unha banda, o innegable atractivo da súa figura serviría para mobilizar de novo a un electorado desencantado co devir da confluencia nos últimos meses; por outra, permitiría marcar diferenzas entre o proxecto de Anova, EU e Podemos e o de Luís Villares, evitando así confusións entre os votantes dese espectro político.

Ademais de que a propia Anova o descarta, non parecería tampouco factible que Beiras aceptase un reto desa magnitude, sen garantías de que fose obter a acta de senador.

Comentarios