Bakary Keita: ''Después de llegar a España y pasar muchas, ahora estoy feliz en Allariz siendo pastor de ovejas''

Bakary cumpre o próximo domingo 25 anos. Hai xa seis que embarcou nunha arriscada viaxe na busca do soño español e hoxe considera estar a vivilo en Allariz. A súa é, en plena crise, unha historia de loita e integración con final feliz.

Pregunta
: ¿Cando e como chegou a España?
Resposta: Cheguei en 2006 ás Canarias tras unha viaxe moi dura de nove días en patera, aínda que con final feliz ao non morrer ninguén no camiño. Acabaramos a auga e perderámonos no mar, onde nos rescatou Cruz Vermella, que nos levou a un centro de inmigrantes en Tenerife.

P
: ¿E como acabou en Galicia?
R: Tras saír de Tenerife fun cun tío que tiña en Granada. Traballei nos invernadoiros de Almería e en Xaén ata 2009, cando ao non ter traballo decidín cambiar e vir
a Galicia, un lugar que sempre me atraera. Estiven meses en Ourense sen recursos en casas sociais saíndo cada día a buscar traballo.

P: E este apareceu en Allariz.
R: Si. Un día atopei nun xornal a oferta do emprego no que estou agora. Buscaban alguén con experiencia para facerse cargo de ovellas. Inmediatamente chamei e tiven a sorte de falar co meu xefe. Entón non tiña nin os papeis e, ao conseguir un contrato, xa fixen todos os trámites.

P: Di que tiña experiencia. ¿Xa traballaba de pastor en Gambia?
R: Si, estudaba e á vez traballaba cos animais porque nós sempre fomos xente de campo. Pero o traballo de aquí é diferente ao de Gambia, por exemplo na muxidura. Aquí está moi mecanizado, máis modernizado (risas).

P: ¿Cantas ovellas ten o seu rabaño?
R: Temos sobre 300 cabezas dunha raza que se usa para a produción tanto de carne como de leite. Esta é de moi boa calidade e con ela elaboramos queixos na queixería
que temos aquí, no Rexo.

P: ¿Ten compañeiros ou traballa só?
R: Acaba de vir de Gambia o meu irmán, dous anos menor ca min, ao que lle estou ensinando o traballo.

P: ¿E cales son as claves para ser un bo pastor?
R: Querer o traballo e ser responsable, porque traballas con animais que non teñen o entendemento dos seres humanos. Ademais, tes que estar dispoñible a calquera hora. Eu vivo aquí á beira da nave e se hai calquera problema polas noites cun parto ou similar, levántome. E logo tamén hai que ser cariñoso cos animais, claro.

P: Aquí é un traballo que non quere moita xente.
R: Polo que che dicía, que non ten horarios. Hoxe en día a xente prefire traballar nunha oficina e ter días libres, e moitos ven este traballo sucio. Pero non só pasa con ser pastor; todo o que ten que ver co campo cada vez interesa menos, algo ao que eu son contrario.

P: ¿Vostede aspira a ter outro oficio ou é feliz con este?
R: A min non me importa facer calquera traballo, pero cos animais gústame porque é emotivo. Agora, con tanto agarimo que lles collín ás miñas ovellas daríame pena
abandonalas. Tras pasar moitas dificultades, teño traballo e casa na que vivir, polo que son feliz.

P: Falando de dificultades, ¿como ve a crise española?
R: Con moita preocupación, aínda que teño a esperanza de que acabe. Pero todo o mundo está a pasalo mal, españois e inmigrantes. Coñezo casos de estranxeiros cuxa situación conmociona.

''Atrévome co galego e desta terra gústame todo: a xente, a cultura, a música... ¡e o polbo!''
P: ¿Como é o seu día a día?
R: Levántome cedo e vou para a nave, onde muxo dúas veces ao día. Saco as ovellas a pastar, límpoas, doulles de comer e asístoas. Logo, como esta é unha granxa educativa, tamén lles explico aos visitantes en que consiste este traballo.

P
: E no tempo libre...
R: Vexo a televisión e gústame moito o fútbol.

P: ¿Algún equipo español?
R: ¡Uuuh! Eu niso son moi branco (risas). Logo tamén falo cos amigos e a familia por internet. E agora saquei o carné e de cando en vez collo o coche da empresa e baixo a Allariz, que me encanta.

P: ¿Que familia deixou alá?
R: En Gambia están meus pais, meus irmáns e a miña esposa.

P: ¿Que plans ten con ela?
R: Agora, traela e estar xuntos. A longo prazo gustaríame volver a Gambia como un señor con familia. Pero que ela veña depende de min, e non é fácil porque non traballo só para o meu peto, tamén para a familia.

P: ¿Foille fácil integrarse?
R: Si. A xente saúdame pola rúa polo meu nome e quedo sorprendido. Eu son fácil de integrar, se ben boto de menos ter amigos; a Gambia chega unha persoa nova e atopa
amizades enseguida, aquí non.

P: ¿Que é o que máis lle gusta de Galicia?
R: Gústame moito todo; é unha terra fermosa. Quedo coa xente, a cultura, a comida e a música –encántame a gaita (risas)–.

P: ¿Unha comida favorita?
R: ¡O polbo! Sempre o vía pola tele e un día invitáronme a comelo. ¡Encántame! (risas).

P: E atrévese co galego...
R: Si, porque vivo nun sitio moi galeguista no que todo o mundo che fala en galego.

Comentarios