As mulleres e inmigrantes, principais impulsores dos bancos de tempo

bancos de tempo.gif
photo_camera bancos de tempo.gif

As clases particulares, o coidado dos nenos ou as tarefas domésticas son algunhas das actividades cotiás que requiren maior adicación das familias. E non todas dispoñen do tempo e os recursos para compaxinar esas obrigas coa xornada laboral.

Esta situación afecta de forma especial a mulleres e colectivos de inmigrantes que, en diversos concellos de Galicia, xa propuxeron aos entes locais a posta en marcha de Bancos de Tempo, a modo de solución solidaria e comunitaria. A medida, impulsada no ámbito autonómico pola Consellería de Traballo, trasladouse xa a algúns municipios galegos.

Os máis adiantados en concretar os seus proxectos foron Allariz, Foz e Vigo e dende Lugo, Ourense, A Coruña e Lugo xa se comezou a abordar a iniciativa.

Finanzas, pero sen xuros
As asociacións de mulleres e inmigrantes son os principais impulsores dun recurso habitual en países como Italia ou Francia e de recente implantación en cidades españolas como Barcelona, Madrid ou Bilbao. A diferenza de calquera outra entidade financeira, a súa finalidade é organizar o intercambio de tempo e capacidades persoais.
 
“Eu encárgome do coidado dous teus rapaces unha hora se ti comprométesche a darlle unhas clases particulares de inglés ese mesmo tempo”. Así o explica a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Asociacionismo do concello pontevedrés de Caldas de Reis, Begoña Castro. Fai xa tres anos que o colectivo de mulleres inmigrantes desta localidade propuxo a iniciativa á súa área de goberno, como fórmula para contribuír a solucionar as súas necesidades e, sobre todo, á súa inserción na sociedade.
 
As mulleres chegadas a Caldas de Reis doutros países atopáronse cun novo contorno, descoñecido, e unha serie de dificultades derivadas das diferenzas sociais e culturais. A maioría non tiñan familia nin coñecidos cando se instalaron na localidade pontevedresa, salvo, algunhas, aos seus maridos. “E apostaron por crear unha asociación, que se caracteriza por ter unha presenza activa nas iniciativas culturais do concello”, apunta Castro.
 
Experiencias pioneiras
Os datos aportados no I Xornada Internacional de Bancos de Tempo celebrada en maio en Santiago revelan a existencia dunhas 300 organizacións deste tipo. O apoio aos bancos de tempo dos case 300 inmigrantes de Caldas de Reis, na súa maioría procedentes de América Latina, naceu das experiencias realizadas nos seus lugares de orixe.   “A falla de recursos e o espírito comunitario fan que estas iniciativas se leven a cabo en moitos países”, apunta a concelleira de Servizos Sociais.

O colectivo de mulleres inmigrantes de Caldas foi pioneiro en propoñer este sistema de intercambio, tres anos antes de que a Xunta establecese as directrices xerais de funcionamento, así como os incentivos iniciais para as entidades locais galegas. A este fin, Traballo prevé dedicar 15 millóns de euros desde o presente ano ata 2010.
 
O concello de Caldas, polo momento, estuda o modo de articular o funcionamento dunha organización que ademais do área urbana implique ás numerosas asociacións de mulleres das parroquias municipais.
 
Veciños ó poder
A Federación de Veciños Eduardo Chao, integrada por 33 asociacións de Vigo, converteu á cidade olívica na primeira de Galicia que dispón dun banco de tempo en funcionamento. O seu obxectivo é implicar ao maior número posible de asociacións de mulleres e veciños para ampliar a rede de contribuíntes ao banco.
 
As actividades en oferta e demanda son variadas. As máis comúns van dende o acompañamento dos menores ao colexio, o coidado de persoas doentes e maiores, visitas ao médico, lectura de contos e xogo cos nenos ata realizar pequenas tarefas domésticas son algunhas das máis destacadas.
 
A federación viguesa articulou a iniciativa en torno a cinco bancos de tempo, nos que poden inscribirse persoas de todas as idades. En breve, prevén incorporar un talonario que simboliza as entregas de tempo que realice cada usuario e que se cargarán á conta corrente que xestiona a secretaría desta organización.
 
Así realizarase un seguemento do uso desequilibrado dese tempo. Por outra banda, as normas dos bancos de tempo vigueses tamén prevén a posibilidade de que unha persoa que non empregue os seus créditos de recepción de tempo os transfira voluntariamente a outro integrante da organización.

Comentarios