Luz verde ao convenio para a inserción laboral da muller en profesións 'masculinizadas'

A Consellería de Traballo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos UGT e Comisións Obreiras (CC.OO.) asinaron esta mañá o convenio de colaboración para desenvolver o programa 'Muller porque si', unha iniciativa que incluirá a impartición de 60 cursos formativos dirixidos a mulleres que pretende a súa inserción laboral en sectores masculinizados.

Ao desenvolvemento do convenio destinarase un orzamento de 296.000 euros. Ademais de diversas campañas de información e difusión do plan, as galegas poderán acceder a cursos de albanel, carpinteira, operadora de grúa, soldadora, condutora de autobús e de maquinaria, electricista ou pavimentadora.

Os cursos, dunha duración media de 300 horas, impartiransen en diversas localidades galegas. Por provincias, 18 cursos de formación terán lugar na Coruña, 10 en Lugo, 11 en Ourense e 21 en Pontevedra. O acordo intentará sensibilizar á sociedade galega á hora de eliminar as discriminacións por razóns de xénero, ampliar as opcións que teñen as mulleres para atopar traballo e reducir o paro feminino en Galicia.

Durante a sinatura do convenio, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, insistiu en que "non hai ningunha razón" para xustificar que en determinadas profesións "a muller practicamente está expulsada". Lembrou a necesidade de actuar para superar discriminacións históricas e acabar coas bolsas de desemprego femininas.

Sindicatos e patronal recoñeceron tamén a necesidade de mudar a situación en sectores onde a presenza feminina aínda é testemuñal e que aínda se seguen a acumular estereotipos sobre o papel da muller no mundo laboral.

Comentarios