Arrinca en Monforte outra edición do Correlingua para promocionar o galego

A cita que combina deporte e cultura entre alumnos de Eso e Bacharelato percorrerá Galicia nas vindeiras semanas
Cartaz do Correlingua 2017
photo_camera Cartaz do Correlingua 2017

O Correlingua 2017, unha cita que combina deporte e cultura para promocionar o uso do galego entre os alumnos da Eso e Bacharelato –menos de 20 anos–, que se celebra nos centros educativos de toda Galicia, comezou este martes Monforte de Lemos e mobilizará neste mes de maio un total de 4.000 estudantes lucenses.

Na presentación do Correlingua 2017, organizado por CIG-Ensino, a Mesa Pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, participaron este martes na Galería Sargadelos da capital lucense o deputado provincial de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a edila de Cultura de Lugo, Carmen Basadre.

Nas próximas semanas, o Correlingua pasará por Ourense, Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Moaña, Viveiro, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Tui e A Estrada.  Ademais das propias competicións deportivas, a programación do Correlingua 2017 inclúe un certame para premiar os mellores traballos escolares nas modalidades de "manifesto", "vídeo" e "cómic". Na provincia de Lugo, inscribíronse xa 43 centros educativos, que suman máis de 4.000 estudantes.

"Con esta iniciativa, seguimos sumando esforzos a favor da lingua galega, como elemento diferencial da nosa cultura. Hoxe, aquí, o galego está máis vivo que nunca e de nós dependerá que non morra", dixo Vidal Baamonde.

O xoves celebrarase o Correlingua en Lugo, coa participación de 17 centros que suman máis de 1.500 alumnos, mentres que o 9 de maio será o de Viveiro, con 18 centros, que teñen 2.000 estudantes matriculados. 

Comentarios