A noite máis curta e máis máxica do ano, a do San Xoán, prevese este ano máis multitudinaria que nunca pola declaración do luns como festivo, unha antiga reivindicación pola forte tradición que ten esta cita no calendario da comunidade. Ao caer o sol o domingo Galicia arderá polos catro costados coas tradicionais cacharelas que dan a benvida ao verán –que en verdade entra de xeito oficial hoxe ás 07.04 horas–.
A noite do 24 de xuño goza de gran tradición noutros puntos do norte de Europa, onde se relaciona co solsticio de verán: é dicir, o día máis longo e a noite máis curta do ano, aínda que a nivel astronómico non sexa algo tan preciso.
Controlar a cacharela en todo momento e ter moita auga cerca por se hai perigo, así como os números de teléfono de emerxencias (112)
Saltar o lume cando estea baixo e nunca ao principio da fogueira xa que pode enganar
Vestir roupa acorde coa ocasión, que sexa cómoda para saltar e que non prenda fácil. Tamén é un erro saltar sen levar roupa por se se cae
Beber alcol duplica os riscos ao saltar e ao valorar o perigo
Facer lume só en lugares autorizados e nunca preto de sitios onde poida estenderse
Saltar a cacharela unha ou máis veces, segundo a zona de Galicia onde sexa a festa
Recoller herbas de San Xoán –varios tipos silvestres– para metelas en auga e, á mañá, seguinte, lavar a cara con ela
Decorar a fachada da casa e as fiestras con flores para espantar as meigas. Unha das máis usadas son os estalotes
Queimar fentos ou incluso roupa vella no lume para afastar os malos agoiros e os espíritos
Bañarse no mar pola noite agardando nove ondas ou, se é no río, meténdose nove veces
Comer sardiñas asadas no lume con pan, cachelos e viño
Botar sal por riba dos tellados para protexer o fogar e a familia ata o vindeiro ano