¡Arde Galicia! Pero non queima...

Vista aérea das cacharelas nas praias coruñesas de Riazor e do Orzán, todo un espectáculo para os sentidos. (LV)
photo_camera Vista aérea das cacharelas nas praias coruñesas de Riazor e do Orzán, todo un espectáculo para os sentidos. (LV)

A noite máis curta e máis máxica do ano, a do San Xoán, prevese este ano máis multitudinaria que nunca pola declaración do luns como festivo, unha antiga reivindicación pola forte tradición que ten esta cita no calendario da comunidade. Ao caer o sol o domingo Galicia arderá polos catro costados coas tradicionais cacharelas que dan a benvida ao verán –que en verdade entra de xeito oficial hoxe ás 07.04 horas–. 

E un ano máis falar do San Xoán é falar da Coruña. A cidade herculina vive de xeito moi especial esta data, concentrando centos de cacharelas nas praias de Riazor e o Orzán e agardando ducias de miles de persoas na festa, que se prolongará, como vén sendo habitual, ata o amencer do luns, día propio do San Xoán.
Pero a noite meiga non se limita simplemente ás cacharelas, senón que no caso de Galicia tamén vai moi unida á gastronomía, especialmente das sardiñas. Como di o referán: Polo San Xoán, a sardiña molla o pan, en referencia á graxa que ten este peixe, que o converte en ideal para pasar polas brasas e acompañalo despois de pan, patacas e viño novo.
 
Iso si: o prezo das sardiñas, escasas este ano, volve dispararse a medida que se aproxima o 24 de xuño, como é tradición. Se a primeiros de semana se pagaba xa o quilo de 7 a 9 euros –fóra destas datas pode comprarse entre 3 e 5 euros o quilo–, os que agarden a última hora terán que desembolsar prezos moito máis elevados ou, como fan en moitos lugares, substituilas por chourizos e panceta, que tamén mollan o pan.
Na festa tamén coñecida en moitos puntos de Galicia como Noite Meiga, Noite Máxica ou Lume Novo tampouco faltarán as tradicións arraigadas desde hai centos de anos relacionadas cos rituais para espantar os malos agoiros e purificar a alma para iniciar un novo ano. Saltar a fogueira, usar plantas e flores silvestres, queimar obxectos, bañarse no mar... todo serve para acabar coas meigas que, segundo contan, aproveitan o San Xoán para saír. 

A noite do 24 de xuño goza de gran tradición noutros puntos do norte de Europa, onde se relaciona co solsticio de verán: é dicir, o día máis longo e a noite máis curta do ano, aínda que a nivel astronómico non sexa algo tan preciso.

¡Precaución co lume!

Controlar a cacharela en todo momento e ter moita auga cerca por se hai perigo, así como os números de teléfono de emerxencias (112)

Saltar o lume cando estea baixo e nunca ao principio da fogueira xa que pode enganar 

Vestir roupa acorde coa ocasión, que sexa cómoda para saltar e que non prenda fácil. Tamén é un erro saltar sen levar roupa por se se cae

Beber alcol duplica os riscos ao saltar e ao valorar o perigo 

Facer lume só en lugares autorizados e nunca preto de sitios onde poida estenderse

 
Algunhas tradicións

Saltar a cacharela unha ou máis veces, segundo a zona de Galicia onde sexa a festa

Recoller herbas de San Xoán –varios tipos silvestres– para metelas en auga e, á mañá, seguinte, lavar a cara con ela

Decorar a fachada da casa e as fiestras con flores para espantar as meigas. Unha das máis usadas son os estalotes

Queimar fentos ou incluso roupa vella no lume para afastar os malos agoiros e os espíritos

Bañarse no mar pola noite agardando nove ondas ou, se é no río, meténdose nove veces

Comer sardiñas asadas no lume con pan, cachelos e viño

Botar sal por riba dos tellados para protexer o fogar e a familia ata o vindeiro ano

 

Comentarios