Aprobada a primeira lei galega contra a violencia machista

Fragmento tomado do calendario contra a violencia machista, promovido polo Instituto da Muller
photo_camera Fragmento tomado do calendario contra a violencia machista, promovido polo Instituto da Muller

A primeira Lei Galega contra a Violencia de Xénero foi aprobada esta mañá no Pleno extraordinario do Parlamento, co apoio de tódolos grupos políticos.

A normativa establece catro eixos básicos na asistencia integral ás vítimas. No eido económico, regulará o denominado salario da liberdade, que actualmente conta cunha dotación media de 600 euros a percibir en doce meses.

O vicepresidente da Xunta Anxo Quintana lembrou que “non podemos caer na falsa ilusión de que a aprobación dun texto administrativo acabará cos nosos problemas, pero si que damos un paso transcendental. Na loita contra a violencia non pode haber autocompracencia”.

Nun segundo punto, as vítimas de malos tratos residentes en Galicia recibirán asistencia psicolóxica e xurídica sen necesidade de presentar unha denuncia previa. Concédeselle, así mesmo, prioridade de acceso á atención primaria en coordinación cos servizos sanitarios, e a prioridade no acceso á vivenda e ó traballo.

O salario da liberdade, suxeito á renda
A asistenza psicolóxica concíbese coma un dereito e, coma tal, prestarase de balde e a tódalas mulleres que o soliciten.

A renda de integración social de Galicia (risga) mantén as mesmas condición fixadas ata o de agora para regular a súa percepción. A novidade reside na redución dos trámites para recibila, nun periodo máximo dun mes. Esta axuda fica suxeita ó nivel de renda, igual que acontece co salario da liberdade, que unicamente se cobrará se a vítima non convive co seu agresor.

Para beneficiarse destas axudas non será necesaria a presentación de denuncia previa, senón que abonda con que a condición de maltratada da vítima sexa acreditada coma tal con documentos coma unha orde de protección ou un informe dos servizos sociais.

Asistenza e protección
No eido da atención sanitaria e psicolóxica, a lei contempla que se prestarán de maneira gratuíta tanto para as vítimas coma para os menores e persoas dependentes que vivan situacións de violencia doméstica.

O texto legal prevé a implantación dun sistema de rexistro de casos de violencia de xénero nos servizos sanitarios, así como uniformizar os partes de agresións.

A asistenza xurídica ficará suxeita ó nivel de ingresos da vítima, quedando cuberta por lei para as mulleres que dependan economicamente das súas parellas ou que teñan que afrontar outras necesidades..

As formas da violencia
A nova normativa entende que a violencia vai máis aló do maltrato físico. Así, os insultos ou o feito de que o home lle impida á muller o acceso ós bens familiares considerarase tamén coma maltrato.

Para as situacións de risco fíxanse mecanismos como o impulso da rede de centros de acollida, a creación dun Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas da violencia machista, ou a coordinación e unificación da implantación de dispositivos de alarma.

Así mesmo, regula a participación de tódolos departamentos da Xunta e doutras institucións implicadas para garantir ás mulleres afectadas a máxima celeridade administrativa de cara á súa protección e defensa. Nesta liña, o Goberno galego poderá presentarse como acusación particular nos xuízos contra a violencia de xénero que se celebren no noso país.

Unha realidade máis alá das cifras
No primeiro cuadrimestre do ano foron 991 as denuncias interpostas por unha muller galega maltratada a mans da súa parella, cifra que supón unha media de oito demandas diarias. Así o indican os últimos datos feitos públicos polo Instituto da Muller.

Galicia sitúase coma a quinta comunidade española con maior número de demandas interpostas con motivo de agresións, ameazas ou quebrantamento dunha orde de afastamento, o 5% do total das presentadas no conxunto do estado.

O incremento do número de denuncias diarias respecto do 2006 é pouco significativo no periodo analizado, sen chegar ó 1%, aínda que os datos reflexan que as mulleres maltratadas que deciden dar conta da súa situación non deixou de medrar.

Comentarios