Unha aplicación permitirá aos colexios adecuar os tempos de ventilación aos prognósticos de vento

Xunta e USC colaboran para mellorar o confort térmico e a ventilación das aulas
 
Presentación da aplicación para mellorar a ventilación nos centros educativos de Galicia. EP
photo_camera Presentación da aplicación para mellorar a ventilación nos centros educativos de Galicia. EP

Unha ferramenta tecnolóxica "pioneira", desenvolvida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración con Meteogalicia, permitirá aos centros educativos galegos adecuar os tempos de ventilación das aulas aos prognósticos de vento nas diferentes zonas da comunidade. Na súa presentación este luns na Cidade da Cultura, o conselleiro do ramo, Román Rodríguez, destacou que o obxectivo desta aplicación que se pon a disposición dos centros "de forma inmediata" para a súa utilización "de forma voluntaria" é mellorar o confort térmico nas aulas e reducir "efectos colaterais" da ventilación sen perder a seguridade sanitaria fronte á pandemia da covid-19. 

Neste sentido, subliñou que as instrucións do protocolo aprobado en outubro "mantéñense en vigor", unha vez "confirmada" a súa eficacia polos datos empíricos de transmisión do coronavirus. 

Por parte de Meteogalicia, a súa directora, María Luz Macho Eiras, destacou a participación deste organismo no proxecto "desde o inicio", posto que utiliza datos de prognóstico de vento, dirección e velocidade, para cada unha das zonas, para "optimizar os tempos de ventilación das aulas". Mentres, o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, chamou a atención sobre a utilidade desta ferramenta tendo en conta que no inverno "non é moi agradable ter as xanelas abertas todo o tempo" e "o que hai que facer é optimizar" o tempo de ventilación.

FUNCIONAMENTO. O catedrático de Física da USC Jorge Mira destacou que hai regras xerais como que é "mellor abrir moito anaco pouco tempo que pouco anaco moito tempo". En calquera caso, falou das diferenzas territoriais ao resaltar que a ventilación non é igual para un colexio situado en Ourense que para outro situado na Coruña, nin tampouco é o mesmo nas distintas franxas do día. 

Segundo a súa explicación de funcionamento da ferramenta, a idea é coordinar distintas variables para indicar aos centros unhas pautas ou "estratexia" de ventilación, cálculos que se ofrecerán para a mañá e para a tarde e en función de se son clases de primaria ou de secundaria, debido a que as saídas dos alumnos varían. 

Para iso, os centros que queiran facer uso desta ferramenta terán que "introducir os datos das aulas e iso queda metido na aplicación", accesible a través dunha páxina web. "A partir dese momento van ter individualizadas as aulas", sinalou. Dependendo das previsións de vento, a ferramenta recomendará, por exemplo, "unha apertura —das xanelas— ou dúas aperturas intercaladas". 

Comentarios