''Si seguimos unidos, antes o después Galicia tendrá policía propia''

O Pleno do Congreso dos Deputados debatirá o vindeiro martes, día 7 de setembro, a proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego hai xa máis de dous anos para que se transfira a Galicia a competencia en materia de tráfico e seguridade vial, que ata o momento só ostentan Cataluña e País Vasco. A iniciativa será defendida por tres deputados galegos, un por cada unha das tres forzas políticas: Pedro Puy (PPdeG), Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG). O nacionalista e actual vicesecretario da Mesa do Parlamento autonómico era vicepresidente da Xunta cando se acadou o consenso e agora agarda expectante o desenlace nas Cortes.

Pregunta: O BNG eríxese como impulsor da iniciativa. Cales son as expectativas reais coas que acode á cita?

Resposta: A nosa expectativa está centrada en dous aspectos. Primeiro, en que a unidade que mantivemos as forzas políticas galegas para reclamar a transferencia de tráfico, que é tanto como esixir que Galicia teña unha policía propia, se manteña o martes. Espero que todos os deputados e deputadas galegas, independentemente da forza política a que pertenzan, sigan mantendo a mesma reivindicación e que o consenso que se conseguira en Galicia se manteña en Madrid. De ser así, estou convencido de que o martes podemos gañar ou peder, pero seguro que antes ou despois Galicia terá unha policía propia ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña. A segunda preocupación é que o conxunto da Cámara faga valer o seu sentido democrático. Ésta é unha petición de autogoberno, e sempre se ten dito por parte das forzas políticas estatais que para que unha demanda deste tipo acabe sendo efectiva ten que cumprir dúas normas: aterse ao ditado constitucional -que siga as regras do xogo marcadas- e ter o respaldo maioritario da cidadanía. Neste caso cumprimos os dous requisitos.

P:
O acordo entre os tres grupos parlamentarios acadouse hai xa máis de dous anos. Cambiaron moitas cousas neste tempo?

R:
Non cambiou o esencial, que é que a maioría da sociedade galega quere e apoia a transferencia desta competencia para ter unha policía propia.

P: E non mudaron, tampouco, os argumentos do Bloque para esixila...

R: Os argumentos de todos, porque todos estivemos de acordo. Galicia ten 32.000 núcleos de poboación, a metade dos que ten España, e iso fai que teñamos unha rede de estradas peculiar. Os mecanismos de seguridade vial e os de regulación do tráfico en Galicia son diferentes aos do resto do Estado e é lóxico que os xestionemos dende aquí con políticas propias. Pero ademais esta é unha medida de austeridade e eficiencia. Hoxe a seguridade en Galicia está en mans de varios corpos policiais e nós pretendemos que teña unha policía propia que signifique a asunción das competencias e dos medios humanos que hoxe teñen a Guardia Civil, a Policía Local e a Autonómica existentes. Ao contrario do que sucedeu coa creación da vasca ou da catalana, ningún galego que preste os seus servicios nalgún destes corpos vai perder o seu traballo, porque nós queremos unha policía galega que asuma a todos os membros e se nutra da experiencia que poden aportar.

P: Todo apunta a que a clave do resultado da votación do martes estará no PP nacional, xa que hai voces que avanzan que o Goberno central podería opoñerse...

R:
Eu non sei neste momento cal é a postura nin do PSOE nin do PP a nivel estatal, pero eu espero que prevaleza neles o sentido democrático, porque é unha petición unánime de máis autogoberno que segue os cursos constitucionais establecidos e negarse a que Galicia estea ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña é como intentar porlle portas ao campo, sobre todo cando existe xa unanimidade galega a este respecto. Eu espero que non cometan o erro de intentar parar a historia porque isto antes ou despois é un dereito que Galicia vai exercer.

P:
Cree que o PpdeG de Feijóo conseguirá o apoio de Génova?

R: Espero do presidente Feijóo neste momento que non actúe como líder do seu partido senón como presidente de todos os galegos e galegas e cumpra coa función esencial que ten, que é unilos, non dividilos. Espero que sexa baluarte desa unidade e faga todo o posible por mantela. Tamén que non utilice o seu cargo para tirar dardos contra o presidente do Estado. Non me parece que sexa a misión do presidente da Xunta neste momento, nin en ningún, pero neste menos. Confío en que Feijóo nos acompañe o martes aos que vamos defender esta proposición en nome do Parlamento e que utilice a súa posición institucional para dialogar co presidente Zapatero e convencelo de que con isto todos gañamos, non só Galicia, senón o conxunto do Estado.

P: Cal é o papel de Anxo Quintana neste proceso?

R: Tiven unha responsabilidade que intentei cumprir no momento en que era vicepresidente do Goberno galego. Intentei que non se convertera nalgo partidista, senón que houbera unha postura unánime no Parlamento galego, cousa que se conseguiu, e agora ese labor tócalle facelo a outros, que neste momento gobernan. Agora a miña única responsabilidade é, no nome do BNG, ter a honra de defender o traspaso desta competencia para Galicia.

P: Qué pasará se a proposta é rexeitada o martes?

R: Se temos a mala fortuna de que non se aprobe, o importante é que as tres forzas políticas galegas sigamos unidas e que os deputados galegos no Congreso, independentemente do que fagan os seus grupos parlamentarios, sigan mantendo a súa posición como galegos. Se o facemos, poderemos perder nesta ocasión, pero seguro que gañamos na seguinte.

P: O BNG presentou o sábado a súa proposta de Estatuto, onde reclama máis competencias e volve declarar que Galicia é unha nación. Parece que volverá a repetirse a mesma situación que hai dous anos, cando vostede, Touriño e o propio Feijóo non lograron superar as súas diferenzas sobre a identidade de Galicia...

R: Eu espero que non. O BNG fixo un acto de honestidade que é presentar a súa proposta, a que considera mellor para Galicia, pero díxoo moi claro o portavoz nacional: presentámola con todo o ánimo de diálogo. Sabemos que o texto finalmente aprobado non será o do BNG, pero tampouco o do PSOE nin o do PP, terá que ser o Estatuto de todos. E nós aspiramos a que sexa de primeira, que coloque a Galicia ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña no concerto estatal. É a única condición que Guillerme Vázquez puxo e a mín pareceme moi coherente e moi convinte. Espero que nesta ocasión o PP non cometa o erro que cometeu hai dous anos.

Comentarios