''Algunos se oponen de manera furibunda a que hablen las familias. ¿Qué problema hay?''

O novo decreto que regula o uso das linguas no ensino entrará en vigor o vindeiro curso, unha vez pase polo Consello Escolar e o Consultivo. Fronte as críticas e as chamadas á insubmisión, Anxo Lorenzo lembra que a Xunta intentou dialogar con partidos políticos, sindicatos e pais. ''Non pode haber consenso con quen non quere falar'', láiase.

Pregunta: Esta semana os sindicatos rexeitaron o decreto na Mesa Sindical. Demasiada conflitividade?

Resposta: Mostreilles os cambios entre as bases de decembro e o proxecto de decreto, porque nestes meses escoitamos a moitísimas entidades sociais e incorporamos moitísimos elementos que estaban nas súas propostas. Dous sindicatos pediron a retirada do decreto e outros tres puxeron cinco puntos innegociables. Eles consideran insuficientes os cambios introducidos. Nós, non.

P: Din que non hai negociación.

R: Eu lamento a actitude dos catro sindicatos que abandonaron a mesa. Por parte da Administración houbo sempre unha vontade de diálogo dende o principio. Puidemos facer un decreto por decreto, como o seu propio nome indica, pero presentamos unhas bases en decembro para negociar. Aquí escoitamos a todo o mundo e modificamos moitos puntos, algúns deles substanciais.

P: Xa houbo folga e protestas sen estar o anteproxecto presentado...

R:
Ese é un dato obxectivo que cadaquén ten que valorar na súa medida. Dende o principio fixemos un esforzo de negociación e de falar. E falamos con todos os que quixeron falar. O consenso é algo que buscamos dende o principio, pero non se pode conseguir con quen non quere falar. A oposición negouse a facelo connosco.

P: Por que tanta oposición á facer unha consulta aos pais?

R: Iso deben contestalo aqueles que se opoñen dunha maneira tan furibunda a que as familias falen. ¿Que problema hai? O importante é que establecemos no decreto un equilibrio. O noso obxectivo fundamental é que o alumnado acade a competencia en ambas linguas. E se falo dende o punto de vista persoal, como secretario xeral, para conseguir iso tanto ten se o alumno estuda Matemáticas en galego ou Coñecemento do Medio en galego. Nós fixemos unha recomendación. Se algún centro decide cambiar non pasa nada.

P:Haberá moitos cambios?

R: É imposible cuantificar iso.

Materias e linguas
P: O Plan Xeral di que as Matemáticas é unha boa materia para introducir o galego na escola. Agora a Xunta opta por impartilas en castelán. Non é unha contradición?

R: Non. A cuestión é que en primaria temos dúas materias cun peso específico, Coñecemento e Matemáticas. E unha tiña que ser en galego e outra en castelán. Coñecemento é unha materia con tradición de moitos anos en impartición en galego, pero Matemáticas ten menos tradición.

P:
E en secundaria?

R: Aí son tres e tres. Introducimos como materias obrigatorias en galego as Ciencias da Natureza, a Bioloxía e a Xeoloxía. Co cal é falso o que din algúns de que no decreto optamos polo galego para as humanidades. Non é certo. Ciencias da Natureza e Bioloxía non son moi humanísticas.

Opinión das familias
P: O que digan os pais si será determinante en infantil. Haberá problemas cos resultados igualados?

R: En infantil estamos aplicando o fondo e a forma da Lei de Normalización, que di que o primeiro atendemento escolar será na lingua materna. O alumnado vai ter contacto coas dúas linguas e unha será predominante. Pero as dúas serán linguas de uso.

P:
Pero antes esa decisión quedaba en mans dos profesores. E estes poden pensar que agora se lles quita poder para darllo aos pais.

R: En absoluto. Introducir con máis peso a opinión das familias non significa que vaiamos en contra do profesorado, nin moito menos.

Conflitos nos centros
P: Descarta que haxa conflitos?

R: Houbo conflito nos centros educativos? Iso haberá que analizalo unha vez que estea en marcha. Eu non contemplo agora ningún tipo de conflito. Lingua predominante non significa lingua única.

P:
Hai dúbidas sobre a viabilidade de facer a consulta o vindeiro curso.

R: As dúbidas non son nosas. Eu dixen que non podemos poñer datas porque aínda non está aprobado o decreto. Pero se o proxecto de decreto di que se ten que facer a consulta, farase. E as datas saberanse cando estea a orde.

P:
Téñense feitos chamadas á insubmisión. Preocúpanlle?

R: O profesorado galego é moi responsable. Hai un marco regulador e os profesores son profesionais que saben o que teñen que facer.

Comentarios