Sete anos de inhabilitación por prevaricación administrativa para o exalcalde Francisco Rodríguez

Un xulgado do penal de Ourense condena ao exrexedor polo caso das asistencias técnicas

Francisco Rodríguez (i) y Áurea Soto (c), a su llegada al Palacio de Justicia de Ourense. ARCHIVO
photo_camera Francisco Rodríguez (i) y Áurea Soto (c), a su llegada al Palacio de Justicia de Ourense. ARCHIVO

O Xulgado do Penal número 2 de Ourense condenou o exalcalde de Ourense Francisco Rodríguez (2007-2012) a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por un delito de prevaricación administrativa no caso das asistencias técnicas. Ademais do que era rexedor no momento dos feitos, foron condenados á mesma pena os entón concelleiros Áurea Elena Soto Vázquez e Xosé Fernando Varela Parada, así como o director xeral de Rehabilitación Urbana Xosé Carballido Presas. 

Segundo precisa o fallo, a inhabilitación "comprenderá os cargos de alcalde e concelleiro ou calquera outro de natureza electiva e ámbito local que implique participación no goberno municipal, coa incapacidade para obter outros análogos no ámbito autonómico ou estatal durante o tempo da condena". Pola súa banda, a maxistrada absolve á entón concelleira do BNG Iolanda Pérez Docampo e Xosé Somoza Medina, que era portavoz municipal do Bloque. Ambos abandonaran as súas responsabilidades políticas após a imputación. 

A Fiscalía solicitara que a condena tamén inhabilitase os acusados para exercer un posto como funcionario público. Con todo, a sentenza considerou esta petición como "absolutamente desproporcionada ao feito delituoso" polo que os condenados poderán seguir exercendo os seus traballos na función pública. 

A acusación pedira dez anos de inhabilitación para o seis cargos do goberno bipartito do PSOE e BNG por seis delitos continuados de prevaricación nas contratacións ou prórrogas baixo a modalidade de asistencias técnicas de cinco traballadores na área de Rehabilitación, VPP e PERIS, entre os anos 2008 e 2013.

CONTRATACIÓN 'A DEDO'. Para a xuíza, os contratos denunciados "supuxeron unha clara contravención de todos os límites legais vixentes" ao tratarse dunha contratación "a dedo" e sen que houbese un concurso público que valorase o mérito e a capacidade dos candidatos. Ademais, insiste en que "xa desde o seu inicio" ningún destes postos de traballo era un contrato menor, porque non cumprían cos requisitos establecidos por lei que esixe que non superen os 18.000 euros anuais, que non teñan unha duración superior a un ano e que non poidan ser prorrogados. 

Con todo, os cinco traballadores viron renovados os seus postos da pesar dos numerosos reparos presentados polo interventor, a partir de febreiro de 2011 en contra do sistema de contratación e alertando de que non se trataba de "contratos menores".

FRANCISCO RODRÍGUEZ. A sentenza considera o exalcalde Francisco Rodríguez, tamén implicado na operación Pokemon, culpable dun delito único de prevaricación por non adoptar "ningunha decisión" para pór fin a esta situación, a pesar dos 24 reparos presentados polo interventor entre 2011 e 2012. Para a maxistrada, mantivo unha "absoluta pasividade" ante o problema que estaba a ser denunciado, ao contrario que o seu sucesor no cargo Agustín Fernández, que aos dous meses de acceder á Alcaldía "comunicou á responsable da concellaría que tiña tres meses para solucionar o problema".

Comentarios