Andrés Goteira, María Vázquez e Xúlio Abonjo xulgarán o FICBueu

Serán os encargados de outorgar os premios ás mellores curtas galegas e española

2019070918150641518
photo_camera O xurado estivo en Bueu visionando as curtametraxes. CEDIDA

O director meirego Andrés Goteira e os intérpretes María Vázquez e Xúlio Abonjo integran o xurado nacional do FICBueu 2019, encargado de outorgar os premios ás mellores curtas galega e española nesta duodécima edición do certame.

Os xurados estiveron o domingo en Bueu para visionar as doce curtametraxes no Centro Social do Mar

Polo primeiro compiten as seis películas da Sección Galicia R, mentres que ao segundo concorren tanto as catro obras da Sección España como os outros dous filmes estatais presentes este ano, un correspondente á Sección Internacional e outro á Experimental. Os xurados estiveron o domingo en Bueu para visionar as doce curtametraxes no Centro Social do Mar.

Despois de ter realizado varias curtametraxes, o lucense Andrés Goteira escribe e dirixe Dhogs, o seu debut na longametraxe co que percorreu numerosos certames por todo o mundo. Trátase do primeiro filme rodado en galego que se estreou no Festival de Sitges e gañou 13 das 17 candidaturas ás que optaba nos Premios Mestre Mateo 2017. Na actualidade, o tamén fundador da produtora Gaitafilmes traballa na preprodución dun documental íntimo, Welcome to ma maison, e no guión da súa segunda película de ficción, A pequena variación.

María Vázquez é un rostro moi recoñecible do eido televisivo por ter participado en series como Vivir sin permiso, Fariña ou Padre Casares, mentres que no cinema traballou con directores como Armendáriz en Silencio Roto ou Bollaín en Mataharis, filme polo que foi nomeada aos Goya e polo que obtivo diversos galardóns.

Xúlio Abonjo iniciou a súa carreira profesional no teatro como actor e mesmo escribindo e dirixindo Hendaya mon amour, galardoada nos María Casares. O seu primeiro traballo ante as cámaras foi en 1998 na curta A escapada e continuaría en diversas series da TVG coma Terra de Miranda e A vida por diante, amais de producións de ámbito estatal como Cuestión de sexo ou Fariña. No cinema participou en longametraxes como O lápis do carpineiro ou Os Fenómenos.

Comentarios